¿Até onde avanzou o novo executivo na aposta para poñer aos gobernantes á altura dos tempos sociais? Xaime Subiela analiza os niveis de autonomía da sociedade civil.
O cambio producido en 2005 na Xunta de Galicia pode ser interpretado como un axuste que permitiu unha maior correspondencia entre o goberno e a sociedade galega. A mudanza non tería tanto que ver cunha viraxe cara á esquerda ou ao nacionalismo, senón co feito de percibir como obsoleto ao goberno anterior, considerándoo un factor retardatario dos avances sociais. O novo goberno significaría sobre todo unha aposta para poñer os gobernantes á altura dos tempos sociais.
En sentido inverso o programa do novo goberno é fundamentalmente o da modernización do país, nas súas diferentes dimensións -económica, social, política...-. O paradigma do atraso -ou da dependencia, que tende a ser unha versión politizada do mesmo- é a explicación hexemónica para a comprensión de Galiza. Concibido así o problema, a solución só pasa pola modernización, e as respostas evolucionistas son as que marcan o sentido e o ritmo dos cambios.
Considero estas lecturas bastante atinadas, pero en moitos casos fan unha interpretación que reduce a complexidade do real. O proceso de modernización, en canto transformación das comunidades tradicionais en sociedade moderna, tivo maioritariamente lugar en Galiza nas décadas 1960-90. A paixón polo progreso -comprendido de forma lineal- foi o que nos levou a fuxir do mundo tradicional sen miramentos. O novo apreciábase como unha bendición que nos quitaría do atraso. Un exemplo disto sería o abandono da pedra polo ladrillo, que ademais de ser máis económico e práctico, era símbolo dese progreso. Agora estamos vivindo os efectos desa compulsión polo cemento, e vemos como cada racionalidade modernizadora individual se foi convertendo nunha irracionalidade colectiva.
Dicía hai tempo Manolo Rivas que os únicos conservadores -digamos conservacionistas- que quedaban en Galiza pasaban por radicais ante a opinión pública. Eu creo que estes conservadores/as son -somos- os amantes e promotores da modernidade, da modernidade avanzada ou reflexiva. A cuestión é comprendermos a modernidade como un proceso de desenvolvemento humano, que nos libera das ataduras tradicionais pero que recolle e resignifica o valioso dese mundo para as nosas vidas actuais. Como se sabe, no noso contexto a valoración da natureza, do patrimonio, a defensa da lingua galega, dos lazos comunitarios, non son resistencias ao progreso. Son movementos que apostan por unha modernidade reflexiva -actuamos sobre nós mesmos con criterio autónomo- que nos permita vivir mellor, e ser mellores persoas.
No plano político, o vello ideal kantiano -o da modernidade ilustrada- de comprender as persoas como un fin en si mesmas significa entendelas como cidadáns autónomos. A relación goberno-sociedade nas democracias avanzadas debera incluír a cidadanía como protagonista política da modernidade en toda a súa profundidade. A gobernanza moderna significa gobernar en diálogo cos cidadáns. Fagamos agora un apresurado repaso do goberno actual.
Os antecedentes
Nas últimas décadas a sociedade galega foi mudando de xeito que as formas de facer política que antes se comprendían como aceptábeis, ou mesmo boas, chegaron a ser motivo de indignación por parte dunha importante maioría social. A xestión política do Prestige sería o analizador social que resignificaría a vida política galega. Os gobernantes eran pouco acordes cos canons democráticos da contorna, pero o que colmou a paciencia foi ver que tampouco eran eficaces. Por outra parte tamén serviu para comprendermos a sociedade como menos submisa, máis digna, crítica e máis capaz.
Moito se ten falado das formas de relacionarse do goberno autonómico coa sociedade na era Fraga. Lembramos aquí algunhas características: o clientelismo como estrutura de dominación vertical; a concepción patrimonial das institucións e a dependencia social que comprendía as accións públicas como dádivas dos gobernantes; un respecto reverencial ao poder así como un temor xeneralizado á crítica, que semellaba unha versión democrática do "haga como yo, no se meta en política" e que derivaba en entender a política como o que facían os da oposición. O franquismo sociolóxico reconvertíase en fraguismo sociolóxico, e boa parte do corpo social estaba cómodo con esta situación.
Tampouco debemos esquecer as lecturas positivas do período. O desenvolvemento das institucións autonómicas coincidiu coa expansión do "estado do benestar" e coa recepción de fondos europeos- Boa parte da opinión pública asocia a modernización e os avances sociais desta época cos gobernos do señor Fraga, quen tamén fixo valer a súa imaxe de político conseguidor e personaxe que situaba a Galiza no mapa de España. Seguramente isto acontecería igual (ou mellor) con outro goberno, pero Manuel Fraga quedará sempre asociado a un momento de prosperidade para Galiza.
Pero ademais está o desgaste. Os moitos anos ocupando abrumadoramente o espazo público galego, xeraron unha multiplicidade de "vicios" que enrareceron o goberno, a administración e a paraadministración autonómicas, evidenciando o esgotamento dun proxecto.
As expectativas
Como ocorre a miúdo, o motor do cambio non foi tanto o cara a onde imos, senón a situación da que estabamos escapando. Moitas das expectativas do cambio eran en negativo: coñecíase ben o que non se quería mais non estaba clara a dimensión propositiva.
O que se agardaba do novo goberno enunciábase en palabras maiores: honestidade, sinceridade, transparencia, respecto e proximidade á cidadanía, pluralidade, dignidade como país..., todos eses valores que conformaron un auténtico movemento en favor da rexeneración democrática. Os avais do cambio demandaban aire fresco e tamén un goberno do que se puidesen sentir orgullosos/as, un goberno de todas e todos.
Esperábanse novas formas de gobernar, que ademais de "boas maneiras" debían ser novas prácticas de actuación do goberno e da Administración autonómica. Establecer mecanismos na estrutura do sistema que impediran o favoritismo, a patrimonialización das institucións, a impunidade, o control dos medios de comunicación, etc., que garantisen unha mellor correspondencia entre a actuación do goberno e o sentir maioritario da cidadanía.
Como adoita pasar, as altas expectativas fan que se subestimen os cambios reais -en moitos casos silenciosos- que se están producindo.
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 124, setembro de 2007)