Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xosé Manuel Barreiro, presidente do PPdeG de Lugo

"O que hai que facer é prometer menos e executar máis"

Asegura que a provincia de Lugo é a peor tratada polo goberno español nos Presupostos Xerais do Estado. Barreiro critica a actitude dos socialistas, en especial a de Xosé Blanco.

Fernando Arrizado - 18:15 19/09/2007
Xosé Manuel Barreiro

Xosé Manuel Barreiro

En plena voráxine de cifras con motivo da negociación dos Presupostos Xerais do Estado, o PPdeG lucense denuncia que "Zapatero (José Luís Rodríguez, presidente do goberno español) ignore as infraestruturas vitais para o desenvolvemento da provincia de Lugo".

Os populares salientan as importantes diverxencias entre unhas e outras provincias galegas: 706 millóns de euros para A Coruña, preto de 438 para Pontevedra, 277 millóns de euros para Ourense e, por último, 239 millóns de euros para Lugo.

Que valoración fai da proposta do goberno español, respecto a cantidade económica destinada a Galiza para infraestruturas nos Presupostos Xerais do Estado 2008?
Hai poucos días que comezou a campaña de anuncios electoralistas: saíu o do 8%, que se chegaría aos 2.000 millóns de euros, ... simplemente non é críbel.

A provincia de Lugo é a que menos cartos recibe para infraestruturas ...

É unha tomadura de pelo. Na autovía Lugo-Santiago, un proxecto de hai xa moitos anos, aínda non hai nin un só tramo licitado, nin nada tramitado. Levamos con eivas administrativas moito tempo, malia que estaba previsto que entrase a funcionar entre 2008 e o 2010. O mesmo ocorre coa de Monforte-Chantada, tamén sen licitar.

E no que respecta ao tren de alta velocidade, Lugo fica completamente á marxe. Outro tema é a autovía Transcantábrica onde os únicos tramos que hai feitos son os que deixou o PP.

Nas anteriores eleccións, Pepe Blanco (Xosé Blanco, secretario de Organización do PSOE) prometera na cidade de Lugo unha nova ponte sobre o Miño, e agora chega e volve prometela catro anos despois.

Malia que Xosé Blanco é da provincia ...

Este señor, que é unha persoa relevante no seu partido, e que faga as idénticas promesas de hai catro anos ... é unha auténtica tomadura de pelo. Está aí nas hemerotecas, pódese comprobar.

O que hai que facer en troques de promesas electoralistas de grandes investimentos que despois non se cumpren, é ir executando aquelo que se presuposta. De nada vale que os niveis de investimento suban se despois non se materializa.

Tamén, nun exercicio de autocrítica pola súa parte, non cre que na etapa de goberno do Partido Popular tampouco houbo excesivos investimentos na provincia?
Nunca os investimentos son excesivos, iso é evidente. Mais a diferenza é que antes o que se poñía no papel facíase. O tan deostado por todos Plan Galicia, aínda que podía ser criticado ou do que se podía discrepar nalgúns aspectos, polo menos tiña uns prazos estabelecidos. Zapatero chega aquí e promete unha cousa, e vai a Cataluña e promete outra. E a torta non chega para todos.


4/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: