Varias consellarías obvian o Rexistro de Convenios, creado por Vicepresidencia para informar do reparto dos cartos públicos
Caride informou de tres convenios en todo o ano
Unha das acusacións que pesaba sobre a administración Fraga era o clientelismo no destino do diñeiro público, a miúdo adxudicado en millonarios convenios -algúns deles con asociacións e medios afíns. Co triunfo do bipartito, a Vicepresidencia lexislou a publicación en internet de todos os convenios. A Xunta pretendía así que os galegos tivesen datos actualizados sobre “a actividade da administración para opinar sobre a oportunidade e legalidade das actuacións do seu Goberno”.
Con todo -máis dun ano despois do lanzamento en internet do Rexistro de Convenios- varías consellerías non están cumprindo esta promesa. Así, por exemplo, os departamentos de Economía, Política Territorial e Medio Ambiente non remitiron ningún convenio nos últimos tres meses, malia que a Lei da propia Xunta lles dá 15 días para facelo.
Industria 88, Traballo 2
Abonda consultar a táboa mensual que conta cantos documentos remitiu cada consellería para comprobar que en San Caetano existen dúas velocidades de transparencia administrativa. Por un lado, están as consellerías nacionalistas e algúns departamentos socialistas que si nutren fluidamente o Rexistro. Por exemplo, a Presidencia de Touriño remitiu máis de oitenta e cinco acordos dende xuño e Industria oitenta e oito.
Por outro lado, varias consellerías do PSdG informan dos convenios cun moito vagar. Ademais das xa citadas, Educación e Traballo só publicaron dous acordos dende xuño.
Denuncia de Antón Losada
Ante esta evidente desigualdade, dende a Vicepresidencia limítanse a sinalar que “regularmente lle remitimos recordatorios sobre o cumprimento do Decreto a todos os departamentos por vía interna”.
O ex-número dous da Vicepresidencia, Antón Losada, recoñeceu publicamente a existencia deste problema nunha entrevista con El País. Este fin de semana Losada admitiu que o Rexistro está incompleto e que “son fundamentalmente as consellerías do PSOE as que non envían información”.