O monarca aparecía nunha fotomontaxe humorística ao pé dun bocoi de licor.
Dous humoristas gráficos do xornal vasco Deia, Josetxu Rodríguez e Javier Ripa, e o articulista Nicola Lococo declararon esta mañá na Audiencia Nacional. A Fiscalía aponlles un delito de inxurias por ter publicado unha fotomontaxe do Rei Juan Carlos I no suplemento “Caduca Hoy”, que saíu publicado nos xornais Deia e Gara. Os acusados chegaron ás dependencias xudiciais acompañados polo director de Deia, Enrique Santarén, e polo avogado Txema Montero.
A Fiscalía entende que a publicación inclúe graves inxurias contra o monarca con “expresións vexatorias e humillantes”. A polémica fotomontaxe alude a unha cacería en Rusia na que participou o Rei e que vai acompañada do seguinte texto: “Estaba cocido. Mitrofán era un oso de feira. Metérono nunha gaiola e puxérono a tiro do Rei logo de emborrachalo con vodka e mel. Faríano para que estiveran en igualdade de condicións?”
En caso de que sexan condeados, os autores poden enfrontarse a unha pena de entre seis meses e dous anos de cadea.
Poden ampliar información no propio xornal vasco.