Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza de CIU, PNV e BNG

Quintana: "Galeuscat é a única alternativa ao modelo de Estado de PP e PSOE"

O líder nacionalista afirmou este sábado en Barcelona ante Mas (CiU) e Imaz (PNV) que "igualdade, benestar, innovación, desenvolvemento e creación deben ser os eixes do nacionalismo do século XXI".

Redacción - 15:23 15/09/2007
Quintana, Imaz e Mas, este sábado en Barcelona

Quintana, Imaz e Mas, este sábado en Barcelona

Anxo Quintana afirmou que a vindeira lexislatura será unha gran oportunidade "para alcanzar un Estado plurinacional", e que as forzas que compoñen Galeuscat -BNG, PNV e CiU- "serán decisivas para decidir quen vai sentar na Moncloa".

O vicepresidente do Goberno e portavoz nacional do BNG interveu esta sábado ao mediodía en Barcelona na mesa redonda Galeuscat, a alternativa plurinacional á construción do Estado, organizada pola escola de verán de Convergència Democratica de Catalunya, e que compartiu cos representantes vasco e catalán de Galeuscat: o presidente do PNV, Josu Jon Imaz e o presidente de CiU, Artur Mas.

Segundo Quintana, "os nacionalistas están convencidos que o modelo plurinacional vai ser bo para Galiza, Euskadi e Cataluña, mais tamén o vai ser para o conxunto do Estado español".

Galeuscat, "alternativa a PP-PSOE"

O portavoz nacional expresou o compromiso do BNG de "colaboración para o fortalecemento dunha alternativa como é Galeuscat", e salientou que esta unión representa "a única alternativa ao modelo de Estado que, con distintos matices, defenden PP e PSOE". Neste senso sinalou que estas organizacións políticas son "o mellor freo contra unha involución tanto no ámbito nacional como no ámbito social no Estado español".

Os instrumentos para combater esta involución, segundo afirmou, serán "o diálogo pero tamén a firmeza ideolóxica". Nesta liña, asegurou que o PSOE "acepta o marco ideolóxico que o Partido Popular define", e exemplificou esta actitude co sucedido en Navarra: "Os pactos poden darse ou non; pero o malo é cando o pacto non se produce porque se estigmatiza unha forza política polo simple feito de ser nacionalista", asegurou.

Estatuto de Nación

Quintana enlazou este modelo co debate do Estatuto galego. Asegurou o vicepresidente que "o Partido Popular ten unha estratexia destinada a impedir que haxa estatutos de nación en Galiza, Cataluña e Euskadi". "Alí onde ten forza parlamentaria para facelo, utilízaa, como en Galiza; en Cataluña, como non ten esa opción, intenta paralizar o estatuto utilizando a Xustiza", dixo.

Porén, destacou que "non nos consideramos fracasados por non ter un Estatuto, porque a nosa presenza no goberno serviu para impedir que Galiza non teña un estatuto de segunda". "Estamos agora en condicións de agardar a un novo tempo político, que seguramente virá pronto", asegurou.

A posición de Galiza no Estado

O portavoz nacional do BNG destacou como un dos obxectivos principais do goberno galego era conseguir que Galiza ocupe no Estado a posición que lle corresponde, segundo a propia Constitución de 1978 que lle outorga un rango de 'nacionalidade histórica', xunto con Euskadi e Cataluña.

Ora ben, Quintana asegurou que o seguinte paso debe ser "recoñecer o que non se recoñeceu no 78, é dicir, que este é un Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe".

Nacionalismo do século XXI

Por último, Quintana avogou por que "igualdade, benestar, innovación, desenvolvemento e creación" sexan o eixo do "nacionalismo do século XXI, fronte á vontade do pseudoprogresismo español de se apoderar deles".

"O nacionalismo é igualdade entre as persoas e igualdade entre os pobos", asegurou o líder do BNG. "Tamén é un berro de rebeldía intelectual, contra os que defenden que todo está inventado neste mundo globalizado e que o que nos queda é consumir o que outros producen.

"Nós sabemos que a única forma de ser cidadáns do mundo é sermos cidadáns do noso propio país", asegurou.

Josu Jon Imaz
Pola outra banda, o presidente do PNV, Josu Jon Imaz, na súa primeira aparición pública dende que esta cuarta feira anunciase que deixaría a política activa, apostou na súa intervención pola "cooperación" co Estado para satisfacer as aspiracións de autogoberno do pobo vasco, e por rexeitar a vía da "confrontación".


4,55/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: