Algún día podería substituír a Mariano Rajoy. Até o daquela afánase en que sexa o vindeiro presidente do goberno español.
María Seoane, presidenta de NNXX
Preparados... Listos... ¡Xa! é o lema elixido pola organización xuvenil do PPdeG, Novas Xeracións (NNXX) para a súa convención anual, que terá lugar na Guarda a última fin de semana de setembro, os días 29 e 30, cun eixo central: a elaboración de propostas de cara ás vindeiras eleccións xerais e co obxectivo de "axuntar esforzos entre a xuventude galega de cara a esixir un maior compromiso do goberno central coa mocidade da nosa comunidade". Vieiros falou esta semana coa súa presidenta, María Seoane.
Por que 'Preparados... Listos... ¡Xa!'?
Decidímolo entre nós, pareceunos axeitado. Sobre todo queremos darlle un pulo a Mariano Rajoy para que sexa o vindeiro presidente de España para que haxa alguén, non como Rodríguez Zapatero, que xestione con eficiencia as políticas de xuventude.
Con que obxectivos acude NNXX á convención deste ano?
En primeiro lugar, queremos facer un chamamento a todo o tecido asociativo galego para que participen na convención e que poidan presentar as súas demandas e inquietudes de cara ás eleccións xerais. Imos tratar de todos aqueles temas que máis lle afectan e interesan á mocidade galega, que agruparemos por áreas: medio ambiente, vivenda, economía, emprego, educación, ...; tamén, imos pedir unha vez máis a Lei de Xuventude de Galicia.
Confirmou xa algunha asociación a súa presenza na Guarda?
En principio estarán a Unión de Estudiantes (UDE) de Galicia -da ensinanza secundaria-, GADED (Grupo Alternativo de Estudiantes de Derecho) e AUTS (Asociación de Universitarios).
E cargos do Partido Popular?
Tamén vai haber. O día 29 haberá parlamentarios das distintas áreas temáticas como Alexandro Gómez e Marta Rodríguez Arias, e o día 30 estarán con nós o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, e o secretario xeral do partido, Alfonso Rueda.
E de Madrid? Non vai vir Rajoy?
Non, Rajoy non creo (ri). Pero si que vai estar o presidente de Nuevas Generaciones, Nacho Uriarte.
Que actividades teñen programadas para a campaña electoral?
Este mesmo xoves constituíuse o o comité electoral das catro provincias de Galicia que dirixe o vicepresidente de NNXX, Xurxo Guerra. Comezaremos a falar con todos os mozos e mozas esquecidos e decepcionados pola xestión de Zapatero, Touriño, Quintana e o director xeral de Xuventude (Rubén Cela) en políticas de xuventude.
Fóra das discrepancias ideolóxicas, que críticas lles faría ás organizacións xuvenís dos dous partidos que sustentan o Goberno, Xuventudes Socialistas (PSdeG) e Galiza Nova (BNG)?
Relaxáronse bastante. Antes estaban sempre coa pancarta protestando polas iniciativas da anterior Xunta do PP dirixidas á mocidade, e agora non amosan a mesma actitude cando hai menos propostas. Coido que había programas como o Plan Labora ou Hipoteca Xove que funcionaban ben e que agora se deixaron de lado. Ao igual que pasou con outros de seguridade viaria como Agora Moto e Condución Segura.
Tamén Rubén Cela antes moito falaba da "acción xove", pero agora non fai nada. O único cambiarlles o nome a programas que xa había na época do PP, como XuventudeGaliza.net, que lle colocou un 'z', o mesmo que pasou con Galiza na Vangarda. E cos centros Quérote pasa igual; tanto falou e en dous anos non hai máis ca un en funcionamento. Está claro que o Goberno non lle dá moita importancia a este departamento, cando tiña a área de Solidariedade sen cubrir.
Falaba hai un momento dos programas de seguridade viaria para a xente nova. Está de acordo, ao igual ca o BNG -e ca o PSdeG en menor medida-, que para pórlle freo aos accidentes de tráfico cómpre pedirlle ao Estado o traspaso das competencias?
Estou de acordo, o que pasa é que neste período dende que Zapatero está no goberno, hai moitas outras competencias que estaban previstas pero que non se deron. Moito falaba Zapatero de que había que darlles máis peso ás Comunidades Autónomas, pero ao final nada. E por outro lado nin sequera o nacionalismo se significou demasiado por reivindicar moitas competencias nestes dous anos que van de lexislatura.
É optimista respecto as posibilidades de Mariano Rajoy nas eleccións xerais?
Si, absolutamente.