O conselleiro de Presidencia reitera que a Lei de Función Pública, que consolida un plus para os altos cargos, é unha adaptación do marco español.
Se o pasado luns o vicepresidente Anxo Quintana falaba da posibilidade de suprimir os sobresoldos dos altos cargos, este xoves o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu rexeitaba a hipotética reforma da Lei de Función Pública.
Romeu, que dixo non querer “censurar” ao vicepresidente, subliñou que “as normas que recoñecen dereitos individuais, unha vez aprobadas quedan vixentes”.
Ademais, reiterou que na Lei da Función Pública o Goberno adaptou á lexislación galega o marco español. Ademais insiste en que o plus de case 15.000 euros que se lle recoñece aos funcionarios que ocupen altos cargos durante dous anos consecutivos ou tres alternos, non é tal, senón que vai ser de 4.000 euros sobre as retribucións anteriores.
Isto é, segundo explicou o conselleiro, porque xa contan unha consolidación de 11.000 euros anuais brutos que provén dos complementos de destino.