Había unha vez un país que se chamaba Golulá. Só tiña unha nube, e a xente tiña medo de perdela. Por iso estaba vixiada por Bunkaa, un gorila enorme cun enorme corazón, e pola súa amiga Lara, unha nena aventureira e riseira. Pero un día, o malvado Doutor Terrier rouba a única nube de Golulá, e os ríos secan, a risa deixa de ser ouvida, os meniños teñen sede... Así que Lara e Bunkaa comezan a buscar a nube, nunha viaxe chea de emocións e perigos, por terra, mar e aire, para salvaren o seu país.
Este é o argumento da primeira montaxe teatral de
Golulá, de
Galitoon Productions. Andrea Bayer diríxea e interpreta a un dos personaxes, xunto con Santiago Alonso, Chisco Casteleiro e Óscar Ferreira. Acabados de chegar de
Ciudad Rodrigo, Bayer confesa que non sabían nin que había premios. "Para nós xa foi unha honra sermos seleccionados". A compañía galega foi unha das 26 escolleitas entre 440 presentadas.
Golulá mestura teatro de actor, monicreques de diversos tamaños, luz negra e teatro de obxectos... A montaxe, ademais de estimular a imaxinación e a creatividade dos máis cativos, serve para educar en valores cívicos, familiares e sociais, como o respecto ás diferenzas, a tolerancia ou como afrontar os medos. Ademais, incentiva hábitos como a curiosidade polo teatro, o sentido do ritmo e a musicalidade, e o gusto pola lectura e a escrita.
Unha proposta didáctica que non deixa de ser divertida e chea de emocións. Agora poderemos vela no Teatro Principal de Compostela, o sábado 8 e o domingo 9 ás 20.00. As entradas custan 3 €, e pódense obter no despacho de billetes do Teatro dende este venres 7, de 12.30 a 14.00 e de 18.00 a 21.00.