Farano co espectáculo Golulá, unha das 26 propostas escénicas seleccionadas entre as 440 que se presentaron a esta mostra.
A Feira de Teatro nesta cidade castelá, que se celebrará do 21 ao 25 de agosto, é unha das máis importantes da Península.O teatro para público infantil feito en Galicia estará representado nunha das máis importantes feiras das artes escénicas da península Ibérica. O evento atende especialmente ás artes escénicas destinadas á infancia e mocidade.
Golulá estreouse con enorme éxito en Pontevedra no mes de febreiro, inserido na programación do VIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil. A obra conta as aventuras de Bunkaa e Lara, que tentan salvar o seu país das gadoupas do malvado Doutor Terrier, quen roubou a única nube que posúe Golulá. Da man desta máxica obra cargada de fantasía viaxaremos a un mundo misterioso, un país onde todo pode ser: a risa, o medo, a intriga, a amizade, a aventura, a loita cos nosos pecados capitais, as tentacións...
É un espectáculo de técnica mixta que mestura teatro de actor cos monicreques, body poppets e teatro negro, ademais da musicalidade, o coidado deseño de efectos sonoros e visuais e dun ritmo trepidante. A obra ten certo carácter didáctico, xa que promove o respecto, a tolerancia e a solidariedade.
Fábrica de soños
Galitoon Productions naceu da man de Santiago Alonso, Andrea Bayer e Chisco Casteleiro, todos eles cunha gran experiencia no mundo do teatro e da televisión. Traballan principalmente coa técnica dos muppets, que mesturan con outras, e no mundo audiovisual (teñen colaborado coa Televisión de Galicia). Acaban de rematar tamén a súa colaboración coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural representando un espectáculo de pequeno formato por varios concellos galegos nas Semanas do Libro e a Lectura.