O Karpin segue a facer un bo papel, con Ezequiel Mosquera na novena praza e Serafín Martínez como líder da montaña imbatido.
Valery Karpin e Álvaro Pino co equipo do Karpin Galicia
Despois da quinta tirada da Vuelta, disputada entre a vila asturiana de Cangas de Onís e a cántabra de Reinosa, a clasificación xeral mantense sen apenas variacións. Os deportistas galegos da parte superior da táboa consolidan os seus postos. Ezequiel Mosquera, do Karpin Galicia, é noveno, a 1:36 do líder, que segue a ser o ruso Vladimir Efimkin, do Caisse d'Epargne. Óscar Pereiro, compañeiro de equipo do líder da xornada, mantense na praza 13, a 1:57.
Na montaña, Serafín Martínez volveu subir ao podio. Na tirada do mércores sumou dous puntos máis aos que xa tiña, até os 37, co que se distancia do seu inmediato perseguidor, Efimkin, con 30. A tirada número 5 venceuna o cántabro Óscar Freire na chegada á súa terra, en 4 horas, 7 minutos e 51 segundos. O primeiro galego en acadar a meta foi o marinense David García, que chegou en décimo lugar. O seu conxunto, o Karpin Galicia, segue de undécimo na clasificación por equipos.
A carreira sairá o xoves de Cantabria, dende Reinosa, con destino á capital da Rioxa, Logroño. Serán 184,3 quilómetros de percorrido.