Os dous partidos conseguiron resolver este xoves un enfrontamento que se agravara coa ameaza de dimisión dunha concelleira socialista se IU non apoiaba unha iniciativa.
"Se por diverxencias xurdidas apenas vintecatro horas antes do pleno por outros motivos non puidese levar a cabo este proxecto que comprometín coa cidadanía, dimitiría como concelleira". Así deixaba o desafío este xoves a concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, e deputada no Parlamento, Beatriz Sestayo. Referíase a socialista ao proxecto para converter o edificio anexo ao Fogar Infantil na sede dos servizos sociais municipais.
Sestayo queixouse do presunto trasacordo de Esquerda Unida sobre o proxecto, solicitando reconverter a iniciativa nun centro para a infancia, proposta coa que a formación coincidiría ademais co BNG. Ao respecto, o rexedor ferrolán, Vicente Irisarri, defendía a posición da concelleira.
Esquerda Unida defende a modificación do proxecto
Sinalando as conclusións realizadas no marco dunhas xornadas hai xa catro anos, desde Esquerda Unida apuntaban que o espazo sería axeitado para usos como "escola infantil, ludoteca, ciberteca e videocinemateca de acceso normalizado para a sociedade da bisbarra" e recordaban que se "rexeitaba unha ocupación de espazos con servizos alleos aos infantís".
Finalmente, as dúas formacións foron quen de acadar un consenso sobre o proxecto estabelecido por Sestayo. Así e todo, no cartafol as dúas formacións teñen aberta outra rifa a conta doutro espazo á beira do mercado municipal. Mentres o alcalde, Vicente Irisarri, avanzaba que o bipartito ferrolán xa acordara posíbeis usos hostaleiros para esta zona, a voceira de Esquerda Unida, Iolanda Díaz, subliñaba que as instalacións posibelmente deberan ser reconstruídas e destinadas a servizos socioculturais.
Planta de gas: "Guerra perdida"?
Un dos maiores puntos de enfrontamento de PSdeG e IU en Ferrol xorde ao fío da planta de Reganosa fronte á cidade. A posición clara de apoio de Esquerda Unida á plataforma de mobilización cidadá contra a regasificadora é vista con desagrado polos seus socios de goberno.
Os socialistas teiman en que a única loita pendente ao respecto da planta estaría na consecución das maiores garantías para o plan de seguridade, dando por perdida a batalla en calquera outro obxectivo que vaia máis aló diso e cualificando de "imposíbel" o traslado.