Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
Iolanda Díaz, primeira tenente de alcalde de Ferrol

"A monarquía segue a ser un tabú nos medios"

Iolanda Díaz (Fene, 1971) milita no PCG e é coordinadora nacional de Esquerda Unida. Forma parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán. Unha entrevista de Diego Ameixeiras.

TEMPOS Novos - 10:24 29/08/2007

Tenente Díaz: tomou vostede posesión do seu cargo envolta nunha bandeira republicana. Espera pendurala algunha vez do balcón do concello e co puño en alto?

A República é unha ferramenta útil para mellorar as condicións de vida da cidadanía e os símbolos teñen un valor que cómpre non esquecer. A cultura política europea é inintelixible sen as bandeiras de tres cores e a achega do movemento obreiro organizado como suxeito protagonista do devir histórico.

Que lle pareceu o secuestro de El Jueves por presuntas inxurias a Felipe de Borbón e Letizia Ortiz?


Indicativo dos restos aínda insepultos dun tabú, como aínda resulta ser a monarquía nos medios de comunicación. A elección admite poucas dúbidas: entre os príncipes e liberdade de expresión, quedámonos con esta última.

Cre que o e PSdeG e o BNG defenden os valores da esquerda?


Aglutinan gran parte dese voto, pero acostuman moito a sacrificar os valores de esquerdas por políticas económicas e sociais compracentes coas da dereita.

Isabel San Sebastián dixo nunha tertulia televisiva que "hai que deixarse de relativismos" e convencerse de que a civilización occidental "é mellor" que o mundo islámico.

Baixo esa lóxica implacable morren milleiros de seres humanos nas guerras de agresión que desencadea o imperialismo en Iraq, Palestina, Afganistán... Esa pretendida civilización asina a barbarie de que morran de fame 30.000 e 50.000 seres humanos cada día por enfermidades asociadas á miseria.

O anarquismo defende a disolución automática do estado e abolición da propiedade privada como un primeiro paso para que todos nos sintamos mellor. Non lle apetece ser un pouco máis de esquerdas?


Marxistas e anarquistas han retornar ao pouso común que xa nos uniu na I Internacional. Julio Anguita fala desa necesaria mestura do libertario e o marxista. Compartimos moito máis do que discutimos, a vontade de superación desta orde social de barbarie, do capitalismo.

Que música escoita?


Toda a que podo, menos da que debería: Shostakovich, Haydn, Miles Davis, Joâo Afonso...

Prometeu deixar Ferrol sen simboloxía franquista. Como van as labores de limpeza?


Van ben. Está aprobado substituír a vidreira co escudo da ditadura que hai aínda no Concello e mais o escudo que resta na Biblioteca Central. Máis adiante -é unha obra máis complexa - retiraremos a cruz que resta en Amboaxe. A dignidade democrática da miña cidade vai permitir acabar co insulto que supuñan estes emblemas, que teñen que ser retirados de acordo coa legalidade democrática vixente.

Entrevista publicada na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 123, agosto de 2007)


4,71/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: