"Tantos lumes ao mesmo tempo e en tantos lugares non poden ser cousa de azar", dixo o primeiro ministro, Kostas Karamanlis.
O primeiro ministro, Kostas Karamanlis, destacou na súa comparecencia sobre a crise a intencionalidade dos lumes e referiuse a unha presunta conspiración contra o executivo. O diario conservador Apogevmatini, ideoloxicamente próximo ao actual goberno, titulaba esta semana Plan dos inimigos contra a patria, e editorializaba sobre presuntas intencións desestabilizadoras da vaga de lumes ás portas das eleccións anticipadas do 16 de setembro. Outros diarios do país preferiron destacar as sospeitas sobre posíbeis intereses inmobiliarios na orixe dos incendios que están queimando milleiros de hectáreas. A prensa tamén se fixo eco dos artefactos incendiarios atopados e das informacións ofrecidas polos bombeiros sobre a intencionalidade manifesta da maioría de lumes.
Desde a oposición socialista coinciden na posíbel influencia da especulación inmobiliaria no que está acontecendo en Grecia. Ao respecto, o líder do PASOK, Giorgos Papandreou, reflexionou este luns sobre a errada política da dereita no goberno respecto á xestión do solo forestal. Segundo Papandreou, os conservadores "alentan" a actividade dos incendiarios coa súa permisividade para a edificación nos terreos queimados. Desde o goberno grego aseguran agora que nas zonas queimadas este verán non se permitirá construír e prometen plans de reforestación para todas elas.
Por outra parte, a oposición tamén se queixa pola falta de medios e critica o déficit de formación das brigadas contra o lume. "Queren presentarse como vítimas para agochar as súas propias responsabilidades", repróchanlle os socialistas ao goberno de Karamanlis. A voceira dos comunistas, Aleka Papariga, denunciou que o goberno botase man de expresións coma "terrorismo incendiario", acusándoo de buscar meterlle medo á xente e "desorientar" os electores. Ao tempo, as enquisas indican que a xestión da crise está causando unha importante perda de apoio para a formación de centrodereita Nova Democracia, agora mesmo no goberno.
Son xa 64 mortos
A última hora, os servizos de emerxencia informan xa dun total de 64 falecidos por causa do lume, ademis de ducias de feridos, entre eles até case un cento de bombeiros dos servizos de extinción. Ademais, milleiros de persoas tiveron que ser desaloxadas dos seus fogares. A illa de Eubeia ou a prefectura de Thesprotia son dúas das áreas máis afectadas este martes.