Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Condicións do BNG para o pacto no Congreso

Os orzamentos xerais do ano que vén decidirán se hai aposta pola alta velocidade para 2012

Se as contas do goberno español para 2008 non inclúen partidas específicas para varios treitos pendentes, significaría que non se cumprirán os prazos, advertiu o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana.

Redacción - 09:30 27/08/2007

"Segundo o presidente do goberno español todo está ben e non hai ningún problema. Pero si os hai: Galiza acumula atrasos nas infraestruturas", queixouse este domingo o vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do Bloque. Anxo Quintana esixiu que os orzamentos xerais do Estado para 2008 sexan exemplo de "feitos e non de palabras" respecto do investimento en Galiza.

Durante a súa intervención en Allariz esta fin de semana, Quintana reiterou así a posición do BNG ás portas da próxima reunión dos representantes desta formación política co ministro de Economía, Pedro Solbes. Así, insistiu en que os nacionalistas galegos non só piden un mínimo do 8% do investimento total, senón que solicitan que este sexa "cualitativo e non só cuantitativo".

E nese sentido no que Anxo Quintana avisou de que se neses orzamentos non se fixan con claridade partidas específicas para os treitos ferroviarios Lubián-Ourense, A Coruña-Ferrol e a saída sur de Vigo, isto significaría que claramento "será imposíbel que Galiza teña alta velocidade en 2012".

Por outra parte, o voceiro nacional do BNG destacou tamén a necesidade de cantidades específicas para "conseguir reequilibrar a nosa situación económica e social". Referiuse en concreto, á innovación, o Sistema Galego de Atención á Dependencia e o medio rural. Por outro lado, Quintana criticou as queixas do PP sobre os orzamentos. "Eu tampouco estou moi contento, pero os orzamentos do Partido Popular non había por onde collelos", lembroulles aos populares.

Ao fío do himno, críticas á "debilidade intelectual da esquerda española"
"O PSOE considérase na obriga de seguir polo mesmo rego e sae dicindo que hai que prohibir cantar o himno galego nas escolas. Onde vamos a parar?", laiouse Anxo Quintana este domingo en Allariz ao respecto da posición esgrimida polos socialistas estes días respecto á polémica pola aprendizaxe do himno.

Para o vicepresidente da Xunta, trátase dunha actitude que é exemplo da "debilidade intelectual da esquerda española, disposta a moverse no marco que impón a dereita máis reaccionaria". "É a nosa responsabilidade construír o futuro para os nenos e nenas deste país, e nós queremos nenos e nenas capaces de enfrontarse a este mundo globalizado, e polo tanto queremos que saiban todos os idiomas posíbeis e que estean preparados en novas tecnoloxías. Pero sabemos que polo que hai empezar é por non ter odio a si mesmos e ser orgullosos do que son", indicou Quintana.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: