Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PSdeG e BNG levaran a promesa no programa

A Deputación de Lugo comprométese a iniciar contactos para o pagamento do canon

En setembro comeza o proceso para resolver unha das herdanzas máis graves do anterior goberno provincial. Son vinte millóns de euros os que o ente lle debe aos 17 concellos afectados.

Redacción - 09:30 23/08/2007

Resolverase á fin un longo proceso xudicial froito do impago desde a Deputación de Lugo das cantidades correspondentes ingresadas pola institución froito do aproveitamento enerxético de varios encoros. Os cartos, que no seu momento deberan ser encarreirados cara aos gobernos municipais, perdéronse nalgún burato deputacional.

A loita nos tribunais acabou dándolle a razón aos municipios afectados, malia que o anterior goberno provincial, con Francisco Cacharro á fronte, negárase reiteradamente a executar a sentenza. Socialistas e nacionalistas levaran nos seus programas electorais o compromiso de facerlle fronte á débeda se accedían ao poder. No mesmo sentido, o líder do PPdeG lugués, Xosé Manuel Barreiro, fixera algunha declaración pública onde se comprometía no mesmo sentido.

Bao promete que o proceso comezará en setembro
Este mércores, o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, o nacionalista Xosé Antón Bao, comunicou que de xeito inmediato comezarán os contactos cos concellos afectados polo canon enerxético. Bao recordou que se trata dunha débeda de 20 millóns contraída pola institución cun total de 17 concellos e indicou que este mes de setembro se iniciará o plan para resolver o conflito.

Os primeiros contactos serán co Concello de Chantada, municipio desde onde se descubrira o impago e co que a Deputación ten a maior débeda, arredor de 7 millóns de euros. Bao explicou que é necesario revisar as necesidades de cada un dos municipios para ver como acometer un programa de investimentos cos que resolver a débeda.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: