Este luns entrou en vigor o acordo de colaboración asinado en febreiro entre o alcalde da cidade e Hugo Chávez, que beneficiará a miles de londinienses e de venezolanos.
Livingstone e Chávez, en Londres
Dende este luns, até 250.000 londinienses que gozan dalgún subsidio estatal, tal como nais e pais solteiros, impedidos e xente cunha baixa permanente poderán viaxar nos autobuses e tranvías da cidade á metade de prezo, grazas ao acordo asinado entre o concello da capital inglesa e o goberno de Venezuela o pasado mes de febreiro.
A medida, negociada xa dende 2006 entre o alcalde de Londres, Ken Livingstone, e o presidente venezolano, Hugo Chávez, en representación de Petróleos de Venezuela Europa -sucursal europea da empresa estatal PDVSA- provocou certa controversia, debido ás críticas da dereita londiniense.
Máis de 400 euros por persona
O acordo consiste na subministro de petróleo venezolano para os buses de Londres cun 20% de desconto no seu prezo, a cambio de asesoría da alcaldía de Londres a Venezuela en eidos como o transporte público, a planificación urbana, a protección ambiental, a xestión de residuos e a promoción do turismo e de actividades culturais.
Livingstone dixo que o convenio -que representará un subsidio venezolano de ata 32 millóns de dólares anuais (máis de 23,5 millóns de euros)- permitirá que os londinienses con menos recursos económicos reciban un beneficio de até 555 dólares por ano (409 euros).
Porén, a líder do Partido Conservador da Asemblea de Londres, Angie Bray, describiu ao presidente de Venezuela, Hugo Chávez, como "un ditador cun monstruoso historial nos dereitos humanos", e considerou "moralmente inxustificábel desviar os recursos que se necesitan para aliviar a extrema pobreza", na que segundo ela vive gran parte da poboación venezolana.
'Ken, o Vermello'
O alcalde, a quen os seus adversarios alcuman Ken, o Vermello polas súas posturas de esquerda, sinalou, pola súa banda, que "francamente, preferiría ir para a cama con Chávez que, tal e como fixo o goberno británico, con George W. Bush".
Ademais, segundo declaracións anteriores de Livingstone, o acordo tamén é positivo para Venezuela xa que "emprega as súas riquezas petroleiras para beneficio da maioría da súa poboación, que vive en cidades, dándolle prioridade a áreas como a mellora da saúde pública e o medio ambiente, o transporte público, a vivenda e a planificación".
"Isto transformará gradualmente a calidade da vida da maioría da poboación de Venezuela, incluíndo transformación das vilas deprimidas por outras modernas con servizos públicos de primeira clase", afirmou Livingstone, e engadiu ao respecto que "Londres ten unha gran experiencia neste campo, e a súa asesoría aforraralle a Venezuela millóns de dólares".