Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
O ANUNCIO FOI FEITO POLO ALCALDE DE LONDRES KEN LIVINGSTONE

Londres solucionará o problema do lixo en Caracas a cambio de combustíbel

O funcionario do Goberno londinense John Duffy, alcumado o «tsar» da eliminación de lixo en Londres, aconsellará a Caracas sobre como manexar racionalmente o seu lixo a cambio de combustíbel venezuelano.

- 09:23 18/09/2006
Tags:

Este combustíbel, ofrecido a prezos subsidiados polo goberno venezuelano, será destinado a abastecer 8 mil autobuses que utiliza a poboación máis pobre de Londres.

O anuncio foi feito polo alcalde da capital británica, Ken Livinsgtone, quen precisou que o intercambio forma parte dun acordo entre a súa administración e o goberno venezuelano, que inclúe, ademais, cooperación londinense en áreas como vixilancia, transporte, vivenda e turismo.

Este acordo, que será asinado próximamente, permitirá ás autoridades de Londres ofrecer a súa experiencia nestas áreas e redundará en beneficio das comunidades máis desfavorecidas de ambas latitudes.

«Hai pobres en Londres e, aínda que é a cidade máis rica de Europa, existe a desgraza de nenos en situación de pobreza», dixo o alcalde, en declaracións que reproduciu o diario The Guardian.

«Eles (Venezuela) teñen un poboación inmensa vivindo nos barrios pobres, temos moita experiencia en materia de vivenda para intercambiar e todo o coñecemento de como manexar unha cidade», engadiu.

Outro experto directamente vinculado con Livingstone que participará destes proxectos é o seu director de Economía, John Ross.

O alcalde referiu que o goberno venezuelano aplaudiu a posiblidade de beneficiarse coa asesoría para operar o seu sistema de transporte e tamén porque aportará tecnoloxía para a loita contra o crime.

Destacou, por exemplo, o chamado sistema CCTV, que é unha tecnoloxía para identificar impresións dixitais, e os sistemas de vixilancia na rúa.

Londres recebirá unha cantidade indeterminada de petróleo, como parte dos 1.3 millóns barrís que requiren os 8 mil autobuses cada ano.

A proposta orixinal do presidente venezuelano, Hugo Chávez, de fornecer combustíbel de calefacción para « escolas en áreas de clase baixa e para os asilos de anciáns», foi posposta porque requiría a participación de demasiadas autoridades ou instancias nacionais británicas.

A cidade de Londres preferiu o plan que favorece aos autobuses pola súa simplicidade e poque a súa característica é axudar aos pobres direitamente.

Livingstone indicou que, posibelmente, se implemente unha «cedula de identidade especial» para acceder aos boletos de baixo prezo, que ofrecen maiores descontos aos que xa existen para as persoas máis desposuídas.

Como parte do acordo, Londres prometeu «promocionar activa e efectivamente» a imaxe de Venezuela no Reino Unido, destacar os beneficios do trato de petróleo para os pobres de Londres e estimular o turismo cara a Venezuela con anuncios nos autobuses.

Posibelmente os proveedores británicos Shell, Chevron e Conoco van ser os encargados de distribuír o petróleo a Londres, o cal será reembolsado co envio equivalente por parte de Petróleos de Venezuela (Pdvsa).

O goberno do presidente Hugo Chávez doou petróleo barato aos pobres de oito cidades de Estados Unidos, incluídas Boston e New York, así como a algúns países caribeños, con entregas que suman até 45 millóns de litros a un prezo 40% por baixo do prezo nos mercados.

Con Cuba existe un trato de troco de petróleo barato por médicos que atenden aos pobres de Venezuela, através da chamada Misión Barrio Adentro, a cal posibilitou que millóns de persoas recebisen atención médica de balde.


5/5 (1 votos)