Os nacionalistas galegos non descartan unha emenda á totalidade de non haber compromiso mínimo para o 8% de gasto en infraestruturas.
Ás portas dunha nova rolda de encontros dos representantes do goberno español cos voceiros parlamentarios no Congreso, BNG e PNV aparecen coma os máis próximos a estabeleceren compromisos de apoio ao executivo no debate dos orzamentos xerais.
En declaracións a Europa Press, Francisco Rodríguez, deputado do BNG no Congreso, recordou que na xuntanza do pasado mes de xullo co vicepresidente segundo e ministro de Economía, Pedro Solbes, o Bloque expuxo o deseño presupostario de 2008 pensado para Galiza polo BNG, incluíndo unha serie de criterios sobre os que se agarda avanzar na reunión deste mes de setembro. Así, o BNG presentará unha emenda de totalidade aos Presupostos Xerais do Estado para 2008 se non se destina a Galiza máis do 8% do gasto total. Entre outras condicións, Rodríguez destaca a necesidade de que o gasto destinado a Galiza "non baixe do 9% respecto ao conxunto do Estado" e que se supere o 8% en infraestruturas.