Aínda rebaixándolles os delitos imputados, segue o proceso contra os veciños que denunciara a Garda Civil pola retención de técnicos da central.
Os tres veciños do lugar da Lousa, en Cerceda, enfrontaban unha pena de até seis anos de cárcere, no caso de que fose adiante a denuncia segundo os termos iniciais.
Na altura do pasado mes de febreiro, os denunciados participaran nunha acción en protesta polo almacenamento irregular de carbón durante a cal retiveron a varios traballadores da mina. Malia que os técnicos retidos rexeitaron despois emprender calquera tipo de acción legal, a Garda Civil levou até o xulgado o informe imputándolles delitos de detención ilegal, resistencia á autoridade e desobediencia.
Finalmente, o xulgado admitiu unicamente a denuncia por desordes públicos, que lle afecta a un total de dez veciños e por desobediencia. Xoán Manuel Castro, un dos voceiros do colectivo veciñal, explicou para Vieiros que se inicia unha recollida de sinaturas entre a veciñanza e que se desenvolverán diversas accións en solidariedade cos encausados. Recordámoslles que o conflito xurdira debido aos residuos de carbón que deixaban os camións camiño á fábrica nun treito onde teñen prohibido circular.