Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
15 e 16 de agosto

O país énchese de festa

Galiza celebra unha e, en moitos casos, dúas xornadas festivas con citas gastronómicas e musicais.

Redacción - 17:45 15/08/2007
Milladoiro estarán este mércores en Ribeira

Milladoiro estarán este mércores en Ribeira

Todo o país énchese de festas no día en que, probabelmente, coincidan máis celebracións ao longo da nosa xeografía: o mércores 15 de agosto. E, ademais, en moitos concellos tamén é festivo o 16, día de San Roque, o que converte esta nunha semana de ponte para a xente que non se atope de vacacións.

Aínda que sería case imposíbel enumerar todas as festas do país, pódense salientar unhas cantas. En Betanzos estanse a celebrar, por certo, as festas de San Roque, dende o martes até o sábado 25, aínda que o día grande é a quinta feira, co lanzamento do famoso globo de papel ás doce da noite e a queima da fachada. O mesmo santo é o protagonista das festas de Sada, do 15 ao 18, que contarán con encontros de corais, verbenas, sardiñadas e concursos de pesca e de cans de palleiro.

Na mesma provincia, Cedeira tamén vive os seus días de festa, que comezaron o día 14 e seguirán o 15 con música mexicana e fogos de artificio, o 16 coa procesión marítima ao mediodía e a actuación de Funky Torres á noite. Xa o venres, Nena Daconte con Coyote Express e Los Eternos, e, o sábado, noite heavy con Barón Rojo, Ñu e Free to Dreams.
En Bandeira hónrase a empanada dende o mércores con, ademais da masiva degustación o día 18, concertos co Esmorga folk e o Bandeira rock, onde tocarán, por unha banda, Fortín da Pomba, Raigañas, A Gaita de Sarandón, Xochilmica, Anxo Lorenzo, John McSherry e a Banda Potemkin, e, pola outra, Che Sudaka, Gypsy Clown, Extridentes, The Underside e Zink Thank. Outra festa gastronómica do mércores celébrase na Cañiza, aínda que no seu caso o produto que se poderá saborear é o xamón.

No apartado musical, en Viveiro desenvólvese o Festival Son e Arte, que contará coa actuación do mítico grupo dos 80 Nacha Pop, o mércores. O folc terá o seu lugar o mesmo día en Ribeira. Ás once da noite, Milladoiro actuará no malecón da vila dentro da programación “Fiestra da cultura 2007”. E a música coral estará presente en Muxía. O coro de cámara Campus Stellae dará un concerto no santuario de Nosa Señora da Barca ás oito do serán para conmemorar o 60º aniversario da coroación da virxe.

Máis citas en Vieiros Festas.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: