(11-21 de agosto) Vilagarcía de Arousa celebra dez días de festa na honra do seu patrón, San Roque. A actriz Raquel Meroño, coñecida pola súa participación na serie Al Salir de Clase, onde interpreta a personaxe de Paloma, será a encargada de ler o pregón oficial. Pero o mellor pregón en Vilagarcía é sempre improvisado e en galego, e dáselle lectura na Festa da Auga, o día 16...
Ademais, nesta edición Vilagarcía conta cunha pregoeira de luxo: Carmiña Burana, artista galega impulsada recentemente á fama polo Conselleiro de Cultura, Pérez Varela. (A unha pregunta dos xornalistas sobre a obra Carmina Burana do compositor Carl Orff, o conselleiro respondeu que lle gustaba moito a afamada cantante galega).
A Festa da Auga coincide no día cos actos relixiosos de San Roque, que precisamente provocaron a orixe da festa. Nos 80, os que volvían da procesión, abafados coa calor, pedíanlles aos veciños que lles tiraran auga desde os balcóns. O costume converteuse en festa e na actualidade interveñen tamén as cisternas dos bombeiros locais.
Un ano máis, o programa inclúe o tradicional desfile de carrozas, a mostra de albariño artesanal e o combate naval. No apartado musical hai novidades: unha discoteca móbil percorrerá o parque da Xunqueira e a praia da Concha entre os días 14 e 15. Tamén van pasar pola vila Seguridad Social, Manolo Tena e La Unión. Aí vai un resumo do programa:
-Día 11: o grupo de gaitas Os terribles de Arousa inaugura as festas cun percorrido polas rúas, a partir das nove da noite.
-Día 12: Encontro Folclórico San Roque 2000, ás once e media da noite, no parque da Xunqueira. Participan Xalgarete de Vigo, Malveiras de Vilagarcía, Alfredo Brañas de Carballo e Dúos Pontes, de Pontevedra.
-Día 13: O grupo Abraxas ofrece na Xunqueira una concerto de folk ás once e media da noite.
-Día 14: a partir das sete e media da tarde, pasarrúas cos grupos Charanga Tiralle do Aire (Ribeira),Charanga dos Escachapeitos (Ourense), Banda de gaitas Frouma (Piñor), Banda de Música de Barbadás e Banda de Música de Ribadumia.
A partir das doce da noite, instalarase na Xunqueira unha discoteca móbil cos pinchas Andrés Tenorio e Toti, o speaker Miguel Cascajo, dúas azafatas de animación e tres gogós.
-Día 15: a Agrupación de Gaitas e Danzas de Valga actúa na Praza da Pescadería a partir das dez da noite. Ás doce menos cuarto, concerto de La Unión na Xunqueira. É de balde.
-Día 16: Procesión de San Roque e Festa da Auga. A Coral Polifónica do Salnés e a Banda de Música de Castrelo interpretarán, entre outras pezas, o Carmina Burana de Carl Orff no pavillón de deportes do Liceo Marítimo.
-Día 17: ás dez e media actúa o grupo de folk Ardentía na Praza da Pescadería. Ás doce, Seguridad Social na Xunqueira. Gratis.
-Día 18: Manolo Tena no Parque da Xunqueira ás doce da noite. Entrada libre.
-Día 19: ás oito e media Festival infantil na Xunqueira coa actuación do grupo Arco Iris. A partir das dez, concerto da banda de folk Arauca na Praza da Pescadería.
-Día 20: ás doce da mañá, o grupo cultural Mocedade de A Torre actúa na Praza da Pescadería.
Por certo, se ten vostede pensado viaxar a Vilagarcía, un consello: para evitar que os frecuentes e previsibles atascos de tráfico lle amarguen a festa, viaxe en tren.