O Sindicato de Xornalistas pide que se cree unha categoría laboral, aproveitando a reforma da Lei da Función Pública.
Un cento de xornalistas traballa para os diferentes departamentos dependentes da Xunta de Galicia e a súa contratación ou despido “depende exclusivamente da decisión do dirixente político de turno”, segundo denuncia o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG).
O Sindicato reclama á Xunta que, aproveitando a recente reforma da Lei de Función Pública, cree unha categoría laboral para que estes profesionais poidan ser contratados dun xeito transparente, en función da súa formación e experiencia, e non de “supostas filacións políticas”. Nun comunicado difundido hoxe, o SXG argumenta que así aumentaría a transparencia da información que se facilita dende o Goberno aos medios.
"Aplicar as súas propostas"
Segundo a organización, PSdG e BNG, cando estaban na oposición, defendían no Parlamento o fin da precariedade nestes postos de traballo. “Agora que ocupan o poder en San Caetano tócalles aplicar as súas propostas”, advirte o Sindicato.
O certo é que a gran cantidade de informadores contratados polas diferentes consellerías e organismos públicos converten á administración autonómica nun dos principais empregadores do sector na comunicación en Galiza, circunstancia que non cambiou despois da subida ao poder do bipartito.