Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Polémica lingüística na Benemérita

A Unión de Gardas Civís de Galicia sae en defensa do galego

A UGC afirma nun comunicado que "non entende o profundo odio que desata a nosa lingua noutros colectivos", e din sentirse "orgullosos" dela xa que "forma parte da nosa cultura, da nosa historia".

Redacción - 11:00 14/08/2007
A UGC-Galicia carga contra os que amosan unha "nostalxia preconstitucional intolerábel"

A UGC-Galicia carga contra os que amosan unha "nostalxia preconstitucional intolerábel"

A Unión de Gardas Civís de Galicia (UGC-Galicia) fixo público un comunicado este luns onde realiza unha defensa da lingua do país, e carga contra os colectivos que amosan unha "nostalxia preconstitucional intolerábel", en clara referencia -aínda que sen citala- á Unión Federal de Gardas Civís (UFGCS).

"Non entendemos que move a persoas que descoñecen a realidade galega a intentar dividir aos galegos, cun problema inexistente. É opinar sen coñecementos, é ignorancia, sementar odio onde non hai. Nin haberá", sinalan.

"Ideas fascistas contra o galego"

Advirten de que "a Garda Civil debe extremar as precaucións para evitar que no seu seo ingresen persoas que non teñen acomodo na democracia", e recoméndalles que "abandonen a súa belixerancia reaccionaria, as súas ideas fascistas contra o galego".

Respecto á petición do BNG de que os cidadáns poidan realizar os seus trámites coa Garda Civil en galego, UGC-Galicia afirma que "por respecto a este pobo, para moitos o noso pobo, esiximos que os trámites de recollida de denuncias, etc., estean nas dúas linguas".


Comunicado íntegro da UGC-Galicia:

A NOSA LINGUA

Galicia, 13 de agosto de 2007. A Unión de Gardas Civís de Galicia (UGC-Galicia) non entende o profundo odio que desata a nosa lingua noutros colectivos. Opinar alegremente descoñecendo a nosa realidade social, cultural e histórica leva irremediablemente a grandes erros, como este. Esa ignorancia é o caldo de cultivo ideal para chegar ás afirmacións destes días en contra dun pobo que sempre foi tolerante co resto das culturas.

Os gardas civís, ante todo, son cidadáns. Os que son galegos, son totalmente bilingües. Todos eles utilizan calquera das dúas linguas para expresarse. Uns exprésanse en castelán pero a maioría exprésase preferentemente en galego, lingua materna, incluso entre eles, traballando ou usando as transmisións. Os que no son galegos sempre mostraron un profundo respecto aos galegofalantes, e estes últimos responderon de xeito idéntico. Por iso moitos gardas civís que no son galegos decidiron converter Galicia no lugar onde establecer a súa residencia definitiva.


A lingua galega nunca motivou friccións, nin se vinculou a ideoloxías políticas. Se detrás de cada galegofalante houbese unha ideoloxía política concreta, os partidos estatais nunca terían opcións de goberno en Galicia. Afirmar que un galegofalante, por ese feito, é independentista é tan aberrante como chamar fascista a quen fala en castelán. A lingua galega únenos e non nos separa, non nos marxina. Iso demostra que non sexa un arma entre cidadáns. Galicia é o único territorio peninsular cunha poboación total e absolutamente bilingüe. Intentar extrapolar problemáticas doutros territorios nun grave erro.


UGC-Galicia non entende como algunhas persoas intentan que xurda una crise, un problema onde non hai tal. Os gardas civís galegos, como o resto dos cidadáns, sentímonos orgullosos da nosa lingua. Forma parte da nosa cultura, da nosa historia. Por iso non entendemos que move a persoas que descoñecen a realidade galega a intentar dividir aos galegos, cun problema inexistente. É opinar sen coñecementos, é ignorancia, sementar odio onde non hai. Nin haberá. Só pretenden provocar unha colisión entre os gardas civís e o resto da nosa poboación. Seguen a cometer o erro de pensar que a nosa profesión vincúlanos con ideoloxías políticas concretas.


As posturas reaccionarias que vimos percibindo nestas persoas demostran que é moi necesaria a reeducación dalgúns Gardas Civís. Estes días volvemos ver un episodio de nostalxia preconstitucional intolerable. Ideas trasnoitadas. Será morriña dos tempos nos que nos perseguían aos galegofalantes? A Garda Civil debe extremar as precaucións para evitar que no seu seo ingresen persoas que non teñen acomodo na democracia.


Desde esta asociación, a única rexistrada na Xunta de Galicia, podemos asegurar que ningunha política reaccionaria contra a nosa lingua terá acollida entre os gardas civís de Galicia. No seu día o ex ministro Bono ordenounos falar só en castelán e negámonos respondéndolle a súa orde en galego.


Seguiremos servindo ao noso pobo, atendéndoo na lingua que desexe, ben en castelán ou en galego, respectando por igual a falantes dunha ou doutra e dando deste xeito un servizo adecuado a cidadanía, como ven sendo. Non esquezamos o devandito: a inmensa maioría dos gardas civís de Galicia son galegos. Absolutamente todos eles son bilingües. Repetimos: TODOS. Os gardas civís que no son galegos xa deron mostras suficientes de respecto aos galegofalantes. O seu traballo é dunha calidade incuestionable.


Por respecto a este pobo, para moitos o noso pobo, esiximos que os trámites de recollida de denuncias, etc., estean nas dúas linguas. (Artigos 3.1 pero tamén o 3.2 da Constitución e o 5 do noso Estatuto) O contrario sería un grave menosprezo, unha indignidade, unha intolerable marxinación aos cidadáns. E todos eles pagan para ter un servizo policial de calidade que non pode ser mellor en función da súa lingua.


UGC-Galicia recomenda a estas persoas que abandonen a súa belixerancia reaccionaria, as súas ideas fascistas contra o galego. Deben reconsiderar a súa postura, respectar a Constitución, entender o significado da fermosa palabra “tolerancia” e “respecto” polos demais. Opinen sobre Galicia e a súa lingua (a románica máis vella da península que falamos dende máis dun milenio) pero fágano con coñecementos previos. En Euskadi e en Cataluña talvez non haxa moitos bilingües. Aquí somos a inmensa maioría.


4,68/5 (57 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: