Centos de persoas apuparon aos parlamentarios de UPN, CDN e PSN na súa entrada ao parlamento. Patxi Zabaleta, líder de NaBai, foi aplaudido.
Non houbo sorpresas e, coa colaboración dos doce deputados do PSN (unha abstención e once votos en branco) Miguel Sanz, o candidato de UPN, a marca electoral do PP en Nafarroa, foi investido este sábado como presidente foral, afrontando así o seu cuarto mandato á fronte do Executivo.
Namentres, no exterior do parlamento máis centos de persoas concentráronse para protestar pola decisión do PSN de permitir a reelección de Sanz. Entre os asistentes, ademais de concelleiros de Nafarroa Bai, estaban varios representantes de agrupacións socialistas da Ribera de Nafarroa.
Ordes de Madrid
Os parlamentarios socialistas non deron sorpresas e acataron as ordes de Madrid na votación e posibilitando así a investidura de Sanz, aínda que a maioría deles fixérono ao seu xeito e, en troques de se abster, como lles ordenara o secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, votaron en branco.
En todo caso o resultado foi o mesmo e Sanz, que nesta segunda votación só necesitaba maioría simple, foi reelixido presidente. Concretamente, o líder de UPN obtivo 24 votos a favor, os 22 do seu grupo, Unión do Pobo Navarro, e outros dous de Converxencia de Demócratas de Navarra, partido co que formarán un goberno en minoría. Votaron en contra os 12 parlamentarios de Nafarroa Bai e os 2 de Izquierda Unida.
Dimisións
Por outra banda, outros catro membros da executiva do PSN anunciaron este sábado que presentarán a súa dimisión, unha vez confirmada a reelección de Sanz.