Méndez Romeu atribúe a "equívocos da linguaxe" a polémica sobre a área metropolitana Vigo-Pontevedra. O PPdeG di que vén provocada "pola falta de modelo territorial para Galiza do bigoberno".
A lea mantida entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o conselleiro da Presidencia, o tamén socialista, Xosé Luís Méndez Romeu, esténdese agora ao PSdeG de Pontevedra.
Malia que Romeu atribuíu este venres a "equívocos da linguaxe" a polémica xerada pola hipotética unión dos dous concellos nunha mesma área metropolitana, a voceira do grupo municipal socialista na cidade do Lérez, Teresa Casal, pensa que a situación xerouse debido a "un ataque de viguismo" de Abel Caballero.
"Parécenme ataques de viguismo desfasados e demodés", dixo Casal para precisar a continuación que "hai que pretender a máxima cooperación entre as administracións e evitar a duplicidade de servizos".
"Volver aos tempos de Leri"
A concelleira pontevedresa criticou que o seu compañeiro de partido pretenda "volver a tempos pasados de localismos desfasados". "É un señor que parece que quere volver aos tempos de Leri", dixo en referencia ao ex concelleiro e deputado socialista que no seu momento defendeu que Vigo debería ser a capital dunha quinta provincia galega.
"Debemos ter moito sentido común e xenerosidade á hora de favorecer algo que sería moi importante para Galiza, configurar unha gran área metropolitana onde teñan cabida non só Pontevedra e Vigo senón tamén as bisbarras do
Morrazo e do Salnés", explicou.
Neste mesmo senso pronunciouse tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, do BNG, quen reiterou o seu convencemento de que nesta iniciativa Pontevedra e Vigo deben ir xuntas. "O normal é que se faga unha formulación vertebradora", dixo Lores, e insistiu en que "non é o momento de formulacións de curtos miras nin localistas".
"Equívocos da linguaxe"
Pola súa banda, Méndez Romeu, que este mesmo venres participaba en Ferrol na homenaxe ao ex alcalde republicano Xaime Quintanilla, sinalou que "ás veces, a linguaxe produce equívocos", nun intento de pórlle fin a polémica xurdida co alcalde de Vigo.
Así, o conselleiro concretou que "cando se fala de áreas metropolitanas, faise en torno a dous problemas distintos mais interrelacionados", como son "definir e impulsar un espazo económico e a xestión de intereses supralocais en ámbitos periurbanos".
Sobre a futura delimitación das zonas metropolitanas, Romeu dixo que "será o que acorden Xunta e representantes dos concellos" e afirmou, en canto ás opcións formuladas, que existen "tódalas posibles" para "situar o país no listado de áreas desenvolvidas". Ademais, considerou que se avanzará na materia "se existe vontade de acordo, mais sen perder un marco ambicioso".
Críticas ao "bigoberno", do PPdeG
Namentres, o voceiro de Xustiza do PPdeG, Xesús Palmou, denunciou que "a falta dun modelo territorial para Galiza, leva ao bigoberno a facer propostas contraditorias sobre as áreas metropolitanas".
Ademais, pediu que se aproveiten os traballos xa realizados polo anterior Goberno "e que tiveron o consenso de todas as forzas políticas e dos concellos afectados".
Palmou indicou que non é adecuado propoñer nestes intres unha Área Metropolitana Pontevedra-Vigo e outra A Coruña- Ferrol, aínda que non o descarta a medio prazo, "cando haxa demanda social e así o acorden os concellos integrantes e as respectivas áreas metropolitanas".