"Non só é legal, senón que debe ser o normal e lexítimo nun Estado democrático e conforme aos dereitos humanos máis elementais".
O voceiro do BNG no parlamento español, Francisco Rodríguez, lembroulle esta quinta feira á Unión Federal de Gardas Civís (UFGC) o dereito legal da cidadanía a ser atendida na súa lingua, dereito que se ampara "tanto na Constitución coma no Estatuto de Autonomía".
Ademais, matizou que a iniciativa presentada pola formación nacionalista o que solicita é que existan impresos para facer as denuncias en galego, "xa que son documentos que deben asinar os denunciantes e deben estar de acordo con eles".
"Non só é legal que os cidadáns galegos sexan atendidos no seu pais na súa lingua nos servizos da Administración pública, sexan estatais ou autonómicos, senón que debe ser o normal e lexítimo nun Estado democrático e conforme aos dereitos humanos máis elementais", sinalou Rodríguez.
"Obsesións anti-nacionalistas"
Por iso, o BNG instou á UFGC a que "abandone as súas obsesións anti-nacionalistas" e a que "poña máis atención na defensa dos dereitos e deberes dos funcionarios aos que di defender, así como a integrarse máis na sociedade á que ten que servir, neste caso Galiza".
Ao respecto, lembrou a defensa que o BNG realizou no Congreso dos dereitos dos militares e gardas civís como traballadores nas leis da Carreira Militar e na dos dereitos e deberes e réxime disciplinario da Garda Civil.