A marca do PP en Nafarroa estaría disposta a un inédito acordo de goberno cos socialistas. Desde o PSOE descartan esa posibilidade a curto prazo.
Unión del Pueblo Navarro, UPN, e Convergencia de Demócratas de Navarra, CDN, presentaron este mércores o seu acordo de goberno para Nafarroa. Non se trata dunha simple reedición do que xa mantiñan en anteriores lexislaturas, xa que desta volta, e segundo explicou Miguel Sanz, quen presidirá outra vez o executivo, o acordo prevé a posíbel entrada no goberno do Partido Socialista de Navarra, PSN.
Sanz recoñeceu que non espera que ese acordo a tres co PSN vaia producirse neste momento, pero si admitiu que manexa esa posibilidade no abano dun ou dous anos. Ao respecto dese pacto posíbel pronunciábase a vicepresidenta do goberno español, María Teresa Fernández De la Vega, quen en declaracións aos medios en Arxentina sobre este tema aseguraba que o PSN permanecerá na oposición. Mentres, este xoves comeza o pleno para a investidura do presidente, que se agarda para o próximo sábado.
O goberno de coalición en Nafarroa será xestionado por UPN case ao completo, con dúas consellarías para CDN: Vivenda e Ordenación do Territorio, e Educación.