A rifa en materia de competencias a conta da Norma do Hábitat Galego foi argumento esta fin de semana para a acusación dos populares.
"A Xunta carece dunha dirección política única que garanta a súa coordinación efectiva", teimaba esta fin de semana a voceira do PPdeG en materia de Vivenda e Urbanismo, Pilar Rojo. "Non se entende como a Consellaría de Vivenda pode elaborar unha norma sobre o hábitat que lle afecta aos plans de ordenación urbanística sen que o departamento con competencias exclusivas na materia participe activamente na elaboración do documento", expoñía Rojo.
Na opinión dos populares, este sería un exemplo da "falta de coordinación e a ausencia da unidade de criterio" entre os departamentos xestionados por nacionalistas e os xestionados por socialistas. Nese sentido, o PPdeG rexistrou dúas iniciativas parlamentarias para pedirlle explicacións á Xunta polo que cualifican de especial sucesión de desencontros entre a consellaría de Vivenda, xestionada por Tareixa Táboas, BNG, e a de Política Territorial, xestionada por María Xosé Caride, PSdeG.