A depuración insuficiente e o desperdicio de auga son os principais pontos negros da xestión dos concellos
Con esta moción, Verdegaia pretende trasladar aos concellos a urxente necesidade de acometer unha mudanza radical na xestión dos recursos hídricos que permita mellorar a calidade ecolóxica das augas litorais e continentais mediante a diminución do consumo e unha axeitada depuración, e a conveniencia de adoptar medidas que impliquen a toda a cidadanía fomentando a co-responsabilidade na procura dunha Nova Cultura da Auga.
En Galicia tamén é preciso aforrar auga, pois iso significa mellorar o estado de conservación dos ecosistemas acuáticos, reducir a contaminación, evitar a construción de máis encoros de abastecemento ou diminuír o gasto enerxético. Ademais, o cambio climático, se non se recortan as emisións de gases de efecto invernadoiro, aumentaría a incidencia das secas en Galicia. Non nos podemos permitir, por exemplo, que as perdas de auga nas redes de distribución de abastecemento público aumentasen entre 1996 e 2003, até suporen perto do 20% de toda a auga distribuída. Ou que o 90% dos cursos fluviais padezan contaminación permanente ou frecuente.
Os espazos urbanos difusos que definen hoxe en día a configuración das nosas cidades agravan expoñencialmente o problema obrigando a estender a rede de sumidoiros e a capacidade de bombeo sobardando amplamente a capacidade de depuración, no caso de contar con Estacións de Depuración de Augas Residuais (EDAR). A Directiva 91/271/CEE de tratamento de augas residuais considera necesario un tratamento secundario das augas residuais urbanas para evitar que a súa evacuación cun tratamento insuficiente teña repercusións negativas no medio ambiente. O 40% dos núcleos de poboación maiores de 2000 habitantes de Galicia carece deste sistema secundario e hai núcleos sen ningun sistema de depuración.
As administracións municipais teñen unha parte da responsabilidade nesta situación mais tamén unha grande capacidade de adoptar medidas que signifiquen a aposta definitiva por unha Nova Cultura da Auga na que a minimización do consumo e a depuración integral sexan os referentes.
Entre outras medidas, Verdegaia propón o establecemento de iniciativas fiscais e de tarificación que fomenten un consumo racional da auga, incentivando o aforro e penalizando o desbaldimento; a separación en orixe das augas residuais industriais e as domésticas; implantación de sistemas descentralizados de depuración e fomento de sistemas de autoxestión de augas, que contemplen tanto a depuración como a reutilización aplicando técnicas de depuración doméstica e aproveitamento de pluviais; aplicación inmediata de políticas de aforro en todos os edificios e actividades municipais e o desenvolvemento dun amplo programa de educación e sensibilización cidadá para que os principios e os preceptos da Nova Cultura da Auga sexan asumidos e interiorizados pola nosa sociedade.