Este martes foi enterrado o que fora bispo emérito de Mondoñedo Ferrol, Miguel Anxo Araúxo Iglesias. Académico numerario na RAG, foi un dos principais defensores do galego na Igrexa Católica, e animou á tradución do Misal e da Biblia.
Miguel Anxo Araúxo iglesias
Entrou na Real Academia Galega o 30 de maio de 1980, proposto por Isidoro Millán González-Pardo, Sebastián Martínez Risco, Manuel Chamoso Lamas, e estivo nela até a data da súa morte. Naceu en Sabadelle, en Pereiro de Aguiar, en 1920, e estudou no Instituto Nacional de Ensino Medio de Ourense e na Universidade Pontificia de Comillas. Alí licenciouse en Filosofía e Teoloxía, e foi consagrado sacerdote en xullo de 1945.Foi sacerdote durante 25 anos en Ourense, mentres daba clase de Teoloxía do Seminario diocesano, e reitor dende 1956 a 1966.
Con 50 anos ordénano bispo da diocese Mondoñedo Ferrol. A cerimonia, na catedral de Ourense, fora presidida polo cardeal de Santiago de Compostela, Fernando Quiroga Palacios. O acto da súa ordenación episcopal foi realizado, por primeira vez na historia da igrexa galega, na nosa lingua. No 85 a Santa Sé concedeulle a xubilación anticipada. Cinco anos antes entrara na Academia substituíndo a Ramón Otero Pedrayo, co discurso A igrexa de Mondoñedo nas súas Sinodais, contestada por Ramón Piñeiro. Foille concedido o Pedrón de Ouro no 77, a Medalla Castelao no 88, o premio Trasalba no 89 e o Grelo de Ouro no 92.
A Igrexa en galego
A súa teima pola lingua e a cultura galegas levouno a presidir a comisión técnica encargada da tradución do Misal romano ao galego. Traballou tamén na versión ao galego dos rituais sacramentais e preparou un devocionario popular en lingua galega. Ten escrito, ademais, sobre a emigración, o mundo rural, o paro obreiro, os accidentes laborais...
Publicou diversas pastorais no Boletín do bispado de Mondoñedo Ferrol e outros textos de pensamento cristián: A fe cristiá ante a cuestión da lingua galega (1975); Escritos cristiáns sobre problemas, personaxes e conflictos de Galicia (1987); Palabras para os amigos (1989); Escritos pastorais (1990); Oracional galego (1991, en colaboración con Ramiro González Cougil); Memoria de vida (1993); Os bispos de Galicia e o Concilio Vaticano II (1996). Ademais, colaborou en xornais como La Voz de Galicia ou La Región e revistas como Irimia, Encrucillada, Raigame ou a Revista de Estudos Mindonienses.