Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galeguista na Igrexa

Na lembranza: a xerarquía "mantívoo á marxe"

O seu compañeiro en Irimia, Vitorino Pérez Prieto (que dirixiu a revista entre 1981 e 1993) lémbrao con cariño.

Redacción - 09:00 24/07/2007

"Fomos moi bos amigos. Eu coñézoo dende hai máis de 25 anos, e de feito foi el quen me ordenou na Diocese de Mondoñedo. Foi moi valente na súa aposta galeguista, xa que Suquía (Ángel Suquía Goicoechea, arcebispo de Compostela dende 1973) por exemplo non me quixo ordenar. O mesmo lle aconteceu a Xosé Antón Miguélez (que estudara Teoloxía en Barcelona, pero quixo ordenarse aquí). Suquía non quixo ordenalo, e Miguel acolleuno cos brazos abertos", recorda-


Segundo Pérez Prieto, a idea da fe que tiña Araúxo era moi arriscada para o seu tempo, "mesmo moitos bispos de agora non farían algo así". Ademais da súa defensa da lingua e da cultura, promovía unha igrexa participativa, en que a xente colaborase."Todos os pioneiros (eu, Miguélez, Manolo Regal) temos a don Miguel como referencia. Foi o único que se atreveu a participar nun foro tan heterodoxo como era Encrucillada. Pérez Prieto afirma tamén que, así como o pobo sempre o recoñeceu e apoiou, "como demostran todos os premios que levou", a Igrexa mantívoo á marxe.


Lamenta tamén a "involución" da Igrexa galega, "parella á da Igrexa católica universal: despois do seu bispado, a diocese de Mondoñedo Ferrol quedou nos Antípodas, cun dos bispos máis reaccionarios: Gea Escolano. O bispo que está agora (Manuel Sánchez Monge), malia non ser galego, é moito máis cordial". Lembra que os avances no seo da Igrexa non terían sido posíbeis sen Araúxo: " el, e outros dous bispos, foron quen conseguiu o cambio na Igrexa galega. As celebracións en galego son hoxe algo máis corrente, pero el foi un pioneiro en facer unha celebración achegada á xente, popular e próxima".


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: