Política Lingüística vén de sacar un manual con frases básicas para desenvolverse en galego dende o castelán, éuscaro, catalán, inglés, francés ou alemán.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou na sexta feira esta guía, que se comezará a distribuír xa por oficinas de turismo, establecementos hoteleiros e casas de turismo rural.
López destacou deste novo manual, o feito de ser a primeira vez que se pon en valor a lingua propia como un atractivo turístico de Galiza
A Guía de conversa en galego...
... contén frases básicas para poder desenvolverse na lingua de Galiza durante a estadía no país. Segundo dixo Marisol López, son "frases útiles" para desenvolverse na rúa, mais a guía tamén cumpre outra misión. Esta publicación nace para "evidenciarlles aos turistas que o país que veñen visitar, ademais dunha paisaxe e dunha gastronomía propias, ademais dos seus monumentos e das súas tradicións, ten unha lingua propia, o galego, que constitúe o seu principal sinal de identidade e que forma parte, tamén, do atractivo turístico de Galicia".
A guía está dispoñible en seis idiomas, agrupados en tres versións: galego-castelán-inglés, galego-francés-alemán, e galego-éuscaro-catalán.
Guías e máis postais
Vanse editar 25.000 guías, que serán distribuídas, coa colaboración de Turgalicia, nunha ampla rede de oficinas de turismo, tamén municipais, en máis de 300 casas de turismo rural e noutros establecementos hostaleiros. Na mesma, tamén se editan 20.000 postais con palabras en galego que serán distribuídas de balde en oficinas de turismo e establecementos hostaleiros.