Na revista satírica aparecen caricaturizados Felipe de Borbón e Letizia Ortiz en pleno acto sexual. A maioría dos medios solidarízanse publicando a portada.
A última hora da mañá deste venres, a Audiencia Nacional española ordenou que se retirara de todos os quioscos e que se prohibira a venda da revista satírica 'El Jueves'. O xuíz Juan del Olmo estima que a publicación atenta contra a imaxe da familia real española. Ademais, a xustiza pediulle ao director do medio que identificara o autor da caricatura.
A publicación sacaba caricaturizados na portada a Felipe de Borbón e a Letizia Ortiz copulando nunha cama. En pleno acto sexual Felipe de Borbón sae dicindo: "Daste conta? Se quedas preñada, isto vai ser o máis parecido a traballar que fixen na miña vida", referíndose aos 2.500 euros que destinará o goberno estatal para axudar ás familias con fillos.
Ataque á liberdade de expresión
A medida tomada contra o semanario fixo saltar moitas alarmas e derivou nun gran debate sobre a liberdade de expresión no Estado español. A protección especial que a constitución española lle garante á familia real sobre o resto dos cidadáns está a ser un dos motivos de máis críticas. Internet revelouse como un extraordinario medio para a denuncia. Os principais medios de comunicación electrónicos estatais optaron por colgar a portada de 'El Jueves', en clara resposta á decisión xudicial. Porén, en Galiza a maioría dos medios dixitais máis lidos deron conta do sucedido sen reproducila imaxe censurada. Mentres, as reaccións políticas tampouco se están facendo esperar. Formacións políticas como o BNG, ERC, IU ou sindicatos como CC.OO xa criticaron o sucedido.
Demasiados precedentes
Dende a morte do ditador Franco, o número de secuestros de publicacións nos quioscos non foi miúdo. Nestas tres décadas publicacións como o semanario El Cocodrilo, Punto y Hora de Euskal Herria, Cambio 16, Egin ou Diario 16, entre outros, foron retirados dos puntos de venda por orde xudicial. En moitos destes casos o motivo esgrimido era o de "inxuriar" ao monarca.
Os blogs galegos non son alleos á polémica
Moitas bitácoras do país recollen a súa opinión sobre o sucedido. Eis só algúns exemplos: Calidonia, Depaso, Brétemas