Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
No Club Internacional de Prensa

Manimekalai: "O microcrédito é unha revolución silenciosa"

Moitas mulleres na India acceden a tomaren decisións empresarias e tamén políticas e sociais. A doutora Manimekalai falou sobre isto en Compostela.

Redacción - 11:32 19/04/2007
Manimekalai e Blanca Rodríguez

Manimekalai e Blanca Rodríguez

O Club Internacional de Prensa en Compostela acolleu este mércores 18 de abril, ás 20.00, a agardada conferencia da doutora en Economía N. Manimekalai, “O microcrédito e o empoderamento das mulleres”. Con ela estiveron Blanca Rodríguez, da oenegué Implicadas/os no Desenvolvemento, contraparte nos proxectos de microcrédito en Tiruchy (sur da India), que convidou a Manimekalai a participar en varios actos en Galiza. Con elas estivo tamén, como intérprete, María Reimóndez, presidenta de Implicadas/os. A doutora dirixe un Centro de Estudos de Mulleres na Universidade de Bharathidasan, e este sábado 21 participa no curso Vanakkam que organiza Implicadas/os.

Na súa achega, explicou até que punto está o sistema do microcrédito introducindo cambios na sociedade india. “Créanse grupos de mulleres, polo xeral dunha mesma comunidade ou casta. Son grupos de entre doce ou vinte persoas, xa que, de seren máis, terían que escoller outra fórmula legal, como unha cooperativa”. Estes grupos solicitan microcréditos, e aforran de xeito periódico unha cantidade estabelecida entre elas: 50 rupias cada 15 días, por exemplo. Ese fondo está dispoñíbel para préstamo interno, para as mulleres que o necesiten nun momento concreto, ou para investimento. “As iniciativas de Muhammad Yunnus e do Grameen Bank tiveron un éxito que conduciu a que esa metodoloxía se empregase noutros países”.

Sobre o papel do microcrédito, Manimekalai afirma que o aforro non estaba, até que chegou este sistema, presente nos fogares das mulleres empobrecidas. “O sistema que existía era o de pedir cartos aos usureiros, que cobraban cuns intereses moi altos e situaban ás mulleres nun contexto de dependencia. O empoderamento consiste en que as mulleres son quen pon en marcha á empresa, e deciden elas sobre todas as fases do proceso: materias primas, distribución, tipo de traballo...” Modificou tamén os custos de transacción: se antes era moi difícil e estaba moi burocratizado o trato cos bancos, agora é o banco o que se achega aos grupos. “As mulleres en por si se cadra non estaban en condicións de presentar un aval, pero o microcrédito é unha metodoloxía que se desenvolveu para dar cobertura precisamente ás persoas empobrecidas”.

Acceso a tomaren decisións de seu

A doutora salientou tamén que o empoderamento que conseguen as mulleres non é só económico, senón que o feito de participaren nun grupo permítelles tomar decisións comunitarias (por exemplo, no relacionado coas infraestruturas). Tamén toman maior conciencia con respecto a outros aspectos da súa vida, como a necesidade de educación das nenas e a violencia de xénero, ou as cuestións sanitarias. “En resumo, o empoderamento é tamén político e social”. As mulleres acaban por converterse en formadoras da súa comunidade. Por exemplo, se hai casos de violencia de xénero dentro dun grupo, as mulleres soluciónano de xeito colectivo. A cuestión de xénero está presente en todo, dende a alimentación, en que se produce unha discriminación e os que reciben a nutrición axeitada son os varóns, até a planificación familiar: “na India podemos ter dous fillos, e as familias fan por teren varóns. Isto carrexa alto número de infanticidios e abortos selectivos. Tamén na contracepción: o persoal médico aconséllalle á muller que se opere despois do segundo parto. Agora os grupos de mulleres loitan por facer ver que a contracepción tamén é responsabilidade do home”.

En canto ao tipo de actividades ás que se dedican estes grupos, é ben diverso: “tradicionais ou non: dende a cociña e produtos de alimentación a costura, venda de saris ou roupa... Dáse unha situación de apertura mental ao cambio nas mulleres máis empobrecidas que non se ve igual nas clases medias. Lóxico, se temos en conta que están socializadas na docilidade, en non coñecer o que hai fóra das casas, e formar parte dun grupo de aforro e implicarse nel permite o acceso a outras cousas, e a implicárense no que acontece ao seu redor. Elas mesmas teñen coñecemento das actividades bancarias e fan as súas transaccións. Distribúen unha serie de cargos rotativos, reúnense, toman actas das xuntanzas... Están totalmente familiarizadas xa con este tipo de actividades”.

Como explicou, o feminismo e a perspectiva de xénero son necesarios para promover o cambio: “as mulleres soas non están en condicións de chegar ao cambio social. As que traballan a nivel de base non se preocupan por isto. Pero o feminismo si que está a difundir eses cambios: cambio no acceso á educación das rapazas, a consciencia de que se se sofre violencia de xénero hai que denuncialo á policía”.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A doutora Manimekalai, fotografada por Paco Vila Barros
A doutora Manimekalai, fotografada por Paco Vila Barros