A nova norma quere reducir a temporalidade e consolidar o emprego. Só farán as oposicións en galego aquelas persoas que opten a postos que requiran un "especial coñecemento" da lingua.
O conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu anunciou na terza feira que a vindeira semana se vai constituír unha comisión de expertos que se encargará de elaborar unha nova Lei de Función Pública "plenamente adaptada" ao Estatuto do Traballador Público aprobado recentemente no Congreso español.
Xusto ao final do debate de aprobación no Parlamento Galego da reforma da norma vixente, promovida polo seu departamento, Méndez Romeu garantiu que o novo texto, cuxa presentación se prevé en 15 meses, responderá ás necesidades xurdidas na Administración galega e porá fin á "politización" dos traballadores públicos que el detectou nos cargos asignados nos anos de mandato do PPdeG.
Reducir a temporalidade e consolidar o emprego público de cualidade
De entre as medidas acometidas no novo texto, aprobadas co rexeitamento da oposición, Méndez Romeu destacou as dirixidas a reducir a alta temporalidade, que chegaba ao 17% cando o bipartito asumiu o poder: "afectaba a un de cada seis empregados públicos", dixo o conselleiro, lembrando tamén o compromiso asumido cos sindicatos de reducir a taxa en máis da metade, por debaixo do 8%.
Ante as críticas...
... do PPdeG, que cualificou a nova lei de "pírrica", Méndez acusou os populares de "non poder incorporarse á modernización da Función Pública porque é o contrario do que fixeron en 16 anos", xa que, segundo el, as 15 modificacións que introduciron nas catro lexislaturas nas que gobernaron, fixeron da popular unha "Administración politizada".
As claves da nova lei
O PPdeG, durante os seus anos de mandato, blindou 1.000 altos cargos e elixiu o 5% dos postos por libre designación, sen pasar polas oposicións.
Para evitar isto, o titular de Presidencia falou da convocatoria de concursos-oposición -primeiro unha oposición selectiva e só para os que aproban unha fase posterior de concurso- como fórmula para "aproveitar a experiencia de miles de empregados públicos con acreditada solvencia". Deste xeito preténdese consolidar o emprego, sumando novas medias que axuden a conciliar vida laboral e familiar, introducindo novidades que amplían os permisos e as condicións para solicitar licenzas, días libres, vacacións e excedencias, así como traslados, flexibilidade nos horarios...
Contando coas mudanzas de goberno, a nova lei non prevé concursos para xefaturas de servizo até 2010, cando todos os funcionarios estean xa en condicións de concorrer.
Obriga de saber galego
A reforma da lei abre unha vía para convocar probas de acceso exclusivamente en galego, naqueles postos que requiran un "especial coñecemento" da lingua, sen prexuízo doutras probas adicionais e, en todo caso, a maiores da obriga de demostrar o coñecemento que xa establecía a normativa de 1998.