Vitoria para Rasmussen na cima de Tignes, nunha segunda tirada alpina onde se viu con claridade o estado das forzas nesta xornada de montaña no Tour de Francia.
Avisárao Erik Breukink, histórico ciclista de prestixioso palmarés e agora metido a director do equipo Rabobank: era un día perfecto para os movementos dos seus ciclistas. Mencionou Breukink as opcións de Denis Menchov e Michael Rasmussen. Na carreira foi o danés Rasmussen a quen as pernas lle pediron atacar. Pasou en cabeza polo primeiro gran desafío do día, o Cormet de Roselend, e foi deixando rivais polo camiño marcando o seu ritmo aparentemente impasíbel na subida, até quedar só na última ascensión. Rasmussen plantouse primeiro na meta e colle unha camisola amarela que pode ser quen de defender durante moito tempo.
Os mellores amosan baza
Subiu significativamente o ritmo de carreira este domingo ciclista no Tour de Francia. A tensa calma coa que o pelotón pasou os dous primeiros portos de primeira categoría xa anunciaba que esta segunda tirada polos Alpes non sería día de treguas.
A pé da cima de Tignes e mentres os favoritos apertaban as bicicletas con desconfianza, xurdiu o gran animador dos seareiros franceses desde a retirada de Richard Virenque, o veterano Cristophe Moreau, que na altura dos 36 anos pasa un inmellorábel momento de forma física e chega a este Tour co maillot de campión de Francia en 2007.
Foi Moreau o primeiro en despregar o combate e forzaría máis adiante até tres ou catro potentes cambios de ritmo máis. Atrás, o primeiro curte deixou fóra a Óscar Pereiro, que quedou no grupo e sen posibilidade de tirar mentres o seu compañeiro de equipo e co-líder, Alejandro Valverde, chimpaba para arriba inmediatamente por tras de Moreau.
Os ataques posteriores formaron un grupo cos máis fortes da xornada, de onde Pereiro se foi vendo descolgado. O vasco Ibán Mayo fixo segundo e pareceu recuperar o pulso escalador co que sorprendera no Tour hai xa anos. Valverde amarra por agora o liderado do Caisse d'Epargne, facendo terceiro a 3'12'' do gañador da etapa. Recuperando no treito final, apenas un minuto despois, e en 15º posición entrou en meta o galego Óscar Pereiro, que deixou 4'13'' respecto a Rasmussen. Na clasificación xeral, Pereiro aparece na 14ª posición, a 3'54'' do primeiro clasificado.
Todas as clasificacións na web oficial do Tour