A conselleira acompañou na presentación da mañá da quinta feira, aos organizadores da rolda española e aos alcaldes das vilas galegas pola que vai pasar: Vigo, Viveiro, Santiago e Allariz.
A conselleira de Cultura e Deporte Ánxela Bugallo, asegurou, durante a presentación das etapas galegas da 'Vuelta a España 2007' -que ademais vai saír de Vigo o día 1 de setembro-, que case se cumpriron os seus ambiciosos obxectivos: "Foi un camiño longo, moi emocionante no que primeiro acadamos que a Vuelta volvese a Galiza despois de moitos anos sen pisar o noso país, máis tarde, que Galiza fose punto de saída da carreira e despois que o Karpin Galicia, o primeiro equipo galego profesional de ciclismo, estivera participando na Vuelta".
"Comeza en Galiza"
Este é o lema que na presentación da rolda, levaban dende a Xunta, mais tamén moitos eventos baixo o brazo relacionados co ciclismo: xusto o día antes de que saia a Vuelta a España, vai haber unha marcha cicloturista en Vigo, ademais de actividades en todos os concellos galegos que sexan punto de saída ou chegada da carreira. Con estas actividades complementarias é coas que se agarda atopar esa "participación social" que procura a consellaría.
Tras as intervencións de alcaldes e organizadores da Vuelta, asinouse un convenio con Unipublic sobre a organización da saída da proba e proxectouse o spot promocional no que participan, entre outros, Óscar Pereiro, e nos que se amosan varios puntos de Vigo e de Galiza.