Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Reivindicaba a terra como asentamento tradicional do seu pobo

Asasinan o líder dos indios Guaraní-Kaiowá no Mato Grosso do Sul

O asasinato cometeuse nun municipio preto da fronteira brasileira co Paraguai. A comezos de ano xa mataran outra líder indíxena que tamén participara na ocupación desta zona.

Redacción - 10:42 10/07/2007

O líder guaraní-kaiowá Ortiz Lopes, 46 anos, foi asasinado o domingo á noite a tiros en Coronel Sapucaia (Matto Grosso do Sul), municipio da fronteira co Paraguai. Lopes estaba á fronte do movemento que pedía o recoñecemento da terra indíxena Kurusu Amba (correspondente á facenda Madama, entre Coronel Sapucaia e Amambai).

En Kurusu Amba, no inicio do ano, xa tiñan asasinado outra líder indíxena que participara da ocupación, Zulita Lopes, Xurete, como era tamén coñecida.

Asasinado á porta da súa casa polos facendeiros

Segundo o Conselho Indigenista Missionário (CIMI), Ortiz Lopes xa fora ameazado de morte e xa fuxira dun outro tento de asasinato. No domingo, matouno un home que, segundo contou a súa dona, por volta das seis e media da tarde chamou á porta da súa casa: "Ao preguntar quen era, a vítima dirixiuse á porta e foi recibida por tiros". Mentres disparaba a arma o asasino dixo: "os facendeiros mandáronme arranxar contas con vostede".

De acordo con outra líder indíxena da área, que non foi identificada, debido ás amezas de morte, os facendeiros da rexión tiñan marcado unha reunión con Ortiz nesta terza feira, para pecharen acordos relacionados coas terras en cuestión: "os facendeiros ofreceron R$ 100 mil para que el non andase nas terras Kurusu Amba. Como o noso líder non aceptou, os facendeiros dixéronlle que se volvera inimigo", conta a testemuña.

O grupo guarani-kaiowá que reivindica Kurusu Amba está acampado próximo á aldea de Taquaperi, tamén en Coronel Sapucaia (Matto Grosso do Sul). Segundo o líder ouvido, a Fundação Nacional do Índio (Funai) de Mato Grosso do Sul e grupos de dereitos humanos xa deron asistencia à familia de Ortiz Lopes e aos indios da rexión.

Líderes de varios movementos indíxenas do Brasil manifestaron na segunda feira, durante un encontro en Rio Brilhante (Matto Grosso do Sul) que "Ortiz morreu loitando, porque non quería ver seus parentes traballando como escravos nas explotacións de alcol - o que acontece con a maioría dos homes adultos do pobo Guaraní Kaiowá".

A historia dos guaraní-kaiowá

Os indios que reivindican Kurusu Amba proceden da área indíxena Taquaperi, no municipio de Amambai. A Taquaperi é unha das oito áreas indíxenas creadas polo antigo Serviço de Proteção ao Índio, entre os anos 20 e 30, próximas ás nacentes cidades do sur do Mato Grosso do Sul. Coa expansión dos negocios agrícolas, nos anos 60 e 70, milleiros de indios Guarani-Kaiowá foron expulsados das áreas que ocupaban á beira da rexión, nos "fondos de facendas", sendo levados para esas áreas, que ficaron superpoboadas.

Dende os anos 80, os Guarani-Kaiowá tentan retomar as áreas de ocupación tradicional na rexión. Coa falta de terras, pobreza e violencia dominaron as comunidades indíxenas. Hoxe, os case 40 mil Guarani-Kaiowá de Matto Grosso do Sul, vivindo en preto de 50 mil hectáreas de terra, sofren un índice de asasinatos que é practicamente o duplo da media brasileira e taxas de suicidios, principalmente entre os mozos, que están entre as máis altas do mundo. Ante da imposibilidade de organizar unha vida económica autónoma, os indios piden traballo nas explotacións de alcol.


4,56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: