"Galiza ten dereito a unha política exterior propia", afirmou Emilio Pérez Touriño. Foi durante a presentación do documento Estratexia de Acción Exterior de Galicia.
As reflexións expostas este luns xorden deste Libro Branco da Acción Exterior de Galicia, coordinado por Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta. Ao fío, o presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, explicou que Galiza "ten e debe aspirar a ter en maior medida unha voz activa nos ámbitos culturais, económicos internacionais e mundiais".
A estratexia presentada destaca a posibilidade de que Galiza asine tratados ou instrumentos internacionais en nome do Estado español, aínda que deberán contar coa súa previa autorización, e que segundo expoñen os autores "deberán referirse a materias de competencia autonómica exclusiva".
Touriño lembrou as ferramentas xa existentes para a acción exterior galega, caso da Fundación Galicia Europa, da que destacou a súa reformulación, de xeito que agora "involucra" as consellarías do Goberno da Xunta que teñen protagonismo e papel específico nos asuntos europeos.
As primeiras "embaixadas" galegas
Á volta do verán, a capital arxentina, Bos Aires, será sede da primeira delegación da Xunta no exterior, segundo se explicou, e en breve a capital uruguaia, Montevideo, podería acoller a segunda. Pérez Touriño indicou que o despregue destas oficinas de representación ten que ver coa "presenza da galeguidade no exterior" e cos propios intereses "económicos, culturais e comerciais" de Galiza. "Trátase de estabelecer institucionalizadamente e ao servizo do país e de todas as institucións do país, unha presenza permanente, estábel, regrada e transparente", dixo o presidente, "que garanta o principio de unidade de acción".
Eixos estratéxicos
Apoiar os axentes galegos no exterior para estabelecer "canles de relación" cos axentes internacionais relevantes é un dos pés da estratexia exterior galega, segundo detallou o coordinador do estudo. Fernando González Laxe destacou tamén a necesidade de cooperación coas áreas estratéxicas "máis dinámicas" nun mundo "onde se abren fronteiras e se dá a internacionalización nos campos económicos, comerciais, sociais e culturais, educativos".
Outro principio, insta a "colaborar co desenvolvemento global" favorecendo a creación de máis riqueza e a redución da pobreza, promovendo políticas de igualdade, protexendo e mellorando o medio ambiente, os ecosistemas e a biodiversidade. Un cuarto eixo sería a voz activa de Galiza na procura de valores colectivos en favor do desenvolvemento sustentábel, da erradicación de calquera tipo de discriminación e da aposta pola axuda humanitaria.