Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe de Amnistía Internacional

Colombia: Un dos lugares máis perigosos do mundo para os sindicalistas

Entre xaneiro de 1.991 e decembro de 2006, documentáronse 2.245 homicidios, 3.400 ameazas e 138 desaparicións forzadas.

Redacción - 11:00 03/07/2007
En 2006, 77 sindicalistas foron asasinados ou 'desapareceron' en Colombia

En 2006, 77 sindicalistas foron asasinados ou 'desapareceron' en Colombia

"Unha farsa de proceso de desmobilización paramilitar, sumada a miles de casos de ameazas e homicidio e a unha falta crónica de investigacións e procesamentos, converte a Colombia nun dos lugares máis perigosos do mundo para os sindicalistas".

Amnistía Internacional (AI) denuncia no informe Homicidios, detencións arbitrarias e ameazas de morte: a realidade do sindicalismo en Colombia a existencia dun patrón de agresións sistemáticas contra sindicalistas involucrados en disputas laborais, en campañas en contra de privatizacións e en favor dos dereitos dos traballadores, nalgunhas zonas onde desenvolven a súa actividade industrias extractivas.

Concretamente, a organización colombiana Escola Nacional Sindical documentou 2.245 homicidios, 3.400 ameazas e 138 desaparicións forzadas de sindicalistas entre xaneiro de 1991 e decembro de 2006. Neste último ano, 77 foron asasinados ou están 'desaparecidos'.

Paramilitares, principais culpábeis

A principal hipótese é que, malia a suposta desmobilización, os paramilitares apoiados polo exército, así como as forzas de seguridade, están detrás da maioría das agresións. Os grupos da guerrilla tamén están involucrados nalgúns crimes.

"Estase enviando unha mensaxe clara aos sindicalistas de toda Colombia: Non vos queixedes das vosas condicións laborais nin fagades campaña para protexer os vosos dereitos porque se vos fará calar a calquera prezo", manifestou Susan Lee, directora do programa rexional para América de Amnistía Internacional.

Un dos casos detallados no informe é o de Luciano Enrique Romero Molina, que foi atopado morto coas mans atadas e con máis de corenta puñaladas no seu corpo, en setembro de 2005 nun barrio de Valledupar, e malia que as forzas paramilitares que operaban nesa zona, comezarán xa o proceso de desmobilización en decembro de 2004.

Progresos non suficientes

AI considera positivos algúns progresos das autoridades colombianas para mellorar a seguridade dos sindicalistas, achegándolles gardacostas persoais ou vehículos a proba de balas, mais a escaseza de fondos provoca que esas medidas se interrompan ou simplemente non se executen.

Neste senso, a organización humanitaria insta ás empresas que actúan en Colombia a usaren a súa influencia co goberno do país para pórlle fin as esta situación.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: