Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Valoración do curso parlamentario

O PSdeG cuestiona o labor de "oposición de bloqueo" do PPdeG

O voceiro dos socialistas na Cámara di que actividade na mesma está a ser a maior na historia da Autonomía.

Redacción - 15:30 02/07/2007
O voceiro do PSdeG no Parlamento, Ismael Rego

O voceiro do PSdeG no Parlamento, Ismael Rego

O voceiro do PSdeG no Parlamento, Ismael Rego, realizou este luns unha valoración da actividade da Cámara durante este curso político, así como no global dos dous anos que levan transcorridos desta lexislatura, da que dixo está a ser a de maior número de iniciativas "na historia da autonomía".

Neste senso, salientou xunto co alto número de textos impulsados polo Goberno e respaldados pola Cámara (12 neste curso e 29 no que vai de lexislatura, por riba da media con respecto as anteriores), a calidade destes, "ricos" polo seu contido e con "durabilidade no tempo" polo seu consenso.

O voceiro socialista fixo mención aos proxectos e proposicións de lei que en materia de "transparencia" (Lei de subvencións e Lei de transparencia e de boas prácticas na Administración Pública), de "territorio" (Lei de medidas urxentes en materia de protección do territorio e do litoral, Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais e Lei de protección e conservación dos ríos, esta última a iniciativa popular) e de "dereitos da cidadanía" (Lei do Traballo en igualdade das mulleres e Lei de Policía) entre outras, aprobadas polo Parlamento.

Ademais, fixo referencia aos tres proxectos de lei, aínda en tramitación: a modificación da que regulamenta a función pública, a de creación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral e a de prevención e tratamento integral da violencia de xénero)

Bloqueo por parte da oposición

"Nunca na historia da Autonomía houbo tanta presenza do Goberno nin da oposición", afirmou Ismael Rego, quen ofreceu datos concluíntes neste senso: o presidente compareceu seis veces na Cámara e recibiu 103 preguntas, 30 destas no actual período de sesións. Os membros do Executivo, pola súa banda, recibiron 213 preguntas, 69 neste curso político que remata. Segundo Rego, estes datos eran inéditos no anterior Goberno.

En canto ao partido da oposición, o PPdeG, presentou un total de 9.176 preguntas escritas nos dous anos que van de lexislatura, das cal 6.975 foron xa contestadas, en contraste coas que houbo nos catro anos da penúltima lexislatura, na que máis houbo até o de agora, con 4.674. Neste senso, Ismael Rego afirmou que "se a estratexia dos populares é controlar ben ao Goberno, benvida sexa; porén, se o que pretenden é bloquear algún departamento da Administración, é moito máis preocupante".

Reforma do Estatuto

Preguntado pola posibilidade de retomar a reforma do Estatuto, o voceiro socialista sinalou que "o traballo da ponencia está feito, e pouco hai que facer nese senso", e considerou que "as posturas do PP en Madrid e en Galiza pouco se teñen modificado". "Non sei a quen se habería que dirixir neste caso, se a Feijoo ou mellor a Rajoy", para volver a debater sobre este asunto.

De todos os xeitos, Rego afirmou que "non lle van permitir ao PPdeG que bloquee por segunda vez a reforma do Estatuto", e que tampouco consentirán que "Galiza perda o estatus que ten como nacionalidade histórica".

Voto emigrante

Outro dos temas abordados polo voceiro do PSdeG no Parlamento foi a reforma do sistema de voto emigrante, da que dixo hai un compromiso de Goberno que se basea en dous puntos: a depuración do Censo de Residentes Ausentes (CERA) e a instauración do voto en urna, que segundo Rego "é o que corre présa". "Outros queren falar doutras cousas, mais agora iso non toca", engadiu.

Por último, quixo salientar que nos dous anos de Goberno de coalición entre BNG e PSdeG, "dentro das diferenzas que poida haber de fondo, na aplicación dos acordos non hai tal", e subliñou que neste tempo, "non houbo ningún sobresalto por culpa da aprobación dunha proposición do Goberno", entre os dous socios do mesmo.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: