Durante os próximos dous meses poderánselle presentar alegacións ao texto, antes de ser aprobado polo Consello da Xunta.
O Plan recolle todos os emprazamentos que poden dedicarse á cría de peixes en Galiza. Ningunha das novas instalacións se atopará en espazos de Rede Natura ou noutros hábitats protexidos, atendendo ao compromiso do goberno de revisar o Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria, aprobado polo anterior executivo, para dispor dun texto alternativo no primeiro semestre do 2007.
Estas modificacións encamiñáronse a buscar localizacións en que se poida desenvolver unha actividade acuícola respectuosa e en harmonía co medio ambiente, e darlles seguridade xurídica aos empresarios de cara ao investimento que fagan na cría de peixes en Galiza. Para isto foi necesario revisar todas as localizacións emprazadas en espazos protexidos, e ofrecerlles alternativas aos propietarios.
A Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos traballou na revisión do texto en coordinación coas consellerías de Medio Ambiente e Política Territorial para evitar que a súa tramitación tivera dificultades ou atrancos nos diferentes trámites administrativos.