Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
NOVO DECRETO PARA O ENSINO

Despois do consenso... a guerra lingüística

As críticas que esta semana lanzou o PPdeG contra a maior presenza do galego nas escolas poden abrir unha nova batalla política.

R.Vilar - 09:30 30/06/2007

Lograr o consenso para un decreto de galeguización do ensino non era tarefa doada. Na mesa de negociación as posturas eran distantes dende o primeiro momento. A visión de nacionalistas e populares a respecto do tema era claramente diverxente. Mentres os primeiros alertaban da dramática situación do galego entre os máis novos, os segundos insistían nunha reforma morna, que respectara o “bilingüismo harmónico”.

Aínda que había dúbidas da vontade real da Consellaría de Educación, a titular do departamento, Laura Sánchez Piñón, tomou en serio o cambio de normativa. Tal e como adiantou Vieiros en decembro do ano pasado, o primeiro borrador que presentou a conselleira estipulaba a obrigatoriedade de impartir en galego entre o 56 e o 68% das materias. En comparanza co anterior decreto, a presenza do idioma propio era o dobre. Naquel borrador tamén se falaba da aprendizaxe da lectoescrita en galego.

Os populares negáronse a aceptar a proposta xa que coidaban que desfacía o principio do “bilingüismo harmónico”. Moitos eran os que aseguraban que os negociadores do PP estaban a recibir presións do partido dende Madrid. Porén había máis obstáculos: certos sectores do PSdeG tampouco vían con bos ollos a proposta da consellaría.

En Baleares si, en Galiza non
O segundo borrador, que resultaría definitivo, estipulaba unha obrigatoriedade mínima dun 50% das materias. O documento cumpría as directrices do Plan de Normalización que apoiou o propio PP en 2004 pero que nunca decidiu a levar á práctica. A maiores había un precedente a nivel estatal, o propio PP balear aprobara xa en 1997 unha norma semellante na que o catalán incluso era a lingua vehicular do ensino.

Agora o PP galego recúa alegando que o decreto significa unha inmersión lingüística encuberta. A razón é que aínda que estipula unha porcentaxe mínima (50%) deixa aberta a porta para que os propios centros poidan ampliar a presenza do galego atendendo a razóns sociolingüísticas. Mais fontes consultadas por Vieiros sinalan que o problema radica na negativa dos populares a recoñecer o fracaso das políticas lingüísticas ao longo de 16 anos no goberno. A consellaría, co apoio firme do BNG, está decidida a levar adiante unha reforma máis que necesaria para que o galego non perda aínda máis terreo no ensino. A pregunta é se o PP está disposto a comezar unha guerra política coa lingua, ao igual que intentan plataformas como Tan gallego como el gallego.


4,85/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: