No mesmo día que se constitúe a Unión de Federacións Deportivas Galegas, a Xunta fará unha achega económica de 621.500 euros a estas entidades.
Na mañá da quinta feira presentouse en Compostela a UFEDEGA, e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Souto, estaba presente para lles dar o seu apoio e anunciar a "cooperación, colaboración e diálogo con este colectivo".
A UFEDEGA está xa formada por 35 federacións, aínda que ten a intención de seguir medrando. O presidente da comisión xestora, Paco Villanueva, explicou que o obxectivo da nova asociación "é traballar de forma conxunta polo Deporte Galego. Estando unidos podemos lograr abaratar os custes e mellorar a prestación de servizos, como en indumentarias ou material deportivo".
"Estamos a traballar para consolidar ás federacións como estructuras básicas para o Deporte"
Con estas palabras de Marta Souto resúmense os novos acordos de colaboración e de axuda na xestión que se están a desenvolver entre Xunta e federacións deportivas.
Neste sentido e tamén na mañá da quinta, o Consello da Xunta aprobaba un orzamento de 621.500 euros para colaborar con estas entidades. Mediante a sinatura de catro novos convenios de colaboración entre a Consellería de Cultura e Deporte e diferentes federacións deportivas, axudaráselles a estas a sufragar os seus gastos ordinarios.
Destes cartos, a Federación Galega de Billar vai levar 49.500 euros; a Federación Galega de Tenis de Mesa, 167.000 euros; a Federación Galega de Fútbol Sala, 230.000 euros; e a Federación Galega de Voleibol, 175.000 euros.