As federacións presentáronlle á conselleira a asociación UFEDEGA, recén creada para aunar esforzos para axilizar o cobro de subvencións. Marta Souto prometeulles ás federacións xuntanzas individualizadas para coñecer as súas inquedanzas.
Imaxe da xornada de traballo
Nunha xuntanza de traballo, celebrada na segunda feira coa Dirección Xeral para o Deporte e a Consellaría de Cultura e Deporte, a conselleira, Ánxela Bugallo deulles azos ás federacións deportivas para traballar de forma conxunta e así adaptarse aos novos tempos, na mellora da propia xestión.
A conselleira tamén manifestou a súa confianza en que este primeiro contacto só ía ser "o primeiro paso dun longo e positivo camiñar en favor do deporte galego" e salientou que a obriga da consellaría é darlles ás federacións as "ferramentas de traballo precisas" para traballaren conxuntamente.
Primeira xuntanza coas federación de Marta Souto, desque accedeu ao cargo
Na súa intervención no primeiro acto coas federacións como directora xeral para o Deporte, Marta Souto, explicou as liñas xerais de actuación do seu departamento e destacou o seu desexo de reunirse con todas as federacións de forma individualizada para coñecer as súas necesidades e poder consolidar as estruturas básicas destas entidades, garantindo uns modelos de xestión axeitados á realidade socio-deportiva, aumentando o liderato das federacións e favorecendo así o dinamismo e a potenciación do clube como núcleo principal da vida deportiva.
Marta Souto finalizou a súa exposición destacando que "houbo, hai e haberá, nesta Dirección Xeral unha premisa básica que é o diálogo. Gustaríame poder reunirme con todos e cada un de vós, porque creo no traballo, no consenso e no diálogo e penso que ese é o camiño para avanzar no beneficio do Deporte Galego".
Tralas intervencións das dúas máximas responsables do Deporte Galego, tocoulle a quenda aos técnicos da Dirección Xeral, que analizaron polo miúdo o programa da xornada, na que se falou do entorno do deporte federado e o marco normativo das federacións deportivas.