A principal proba dos raids de aventura en Galiza celébrase no sábado n'As Pontes. O raid puntúa para os campionatos galego e estatal.
Correr, andar en bibicleta, treking pola montaña, piragüismo, orientación específica e logo tamén uns quilómetros en patíns en liña. Todo isto terán que facer nun só día os participantes nesta proba, que puntúa para o Campionato Galego de Raids, e tamén para o Estatal.
Na terceira edición da proba de acertado nome, o Desafío d'As Pontes, participan corenta e catro equipos das categorías de Elite e Aventura. Os de Aventura aínda han parar a durmir pola noite; pola contra, a categoría de Elite fai unha proba das de "non stop", na que non han parar un segundo de competir, até a mañá do domingo.
Unha noite sen durmir, correndo, remando e rubindo montañas...
Os de Elite percorren 202 quilómetros, dos que 140 son en bicicleta, 45 a correr, 15 remando e 2 en patíns en liña. Os de aventura teñen un percorrido de 170 quilómetros, un chisquiño menos, xa que pasan a noite a durmir.
O epicentro da competición é As Pontes, pero as probas transcorren todas polos montes e lugares naturais que arrodean o núcleo urbano.
Entre os participantes hai xente dos mellores equipos do estado, entre os que se atopa o Buff Coolmax; veñen equipos de fóra, como os fineses do Team Finland e varios de Portugal.