E ademais son os campións galegos deste deporte, que cada ano está a coller máis adeptos en Galiza. En qué consiste a orientación? Esta noticia vén con explicación e todo.
Os deportistas del Clube Deportivo Universidade de Santiago, Xavier Viana -cun tempo de 21 min. e 16 seg.- e Maribel Fraga -cun tempo de 23 min. e 18 seg.- foron os vencedores do Campionato Galego de Orientación na modalidade de sprint que se disputou o pasado sábado polas rúas do casco vello de Pontevedra.
Na categoría masculina o segundo clasificado foi Ángel Serto, do Clube Montañeiros de Pontevedra, e terceiro Tito Arufe, do APA Liceo d'A Coruña. Na categoría femenina completaron o podio a tamén compostelá Pilar Veiga, e a terceira praza foi para Mar Torrón, do Clube Fluvial de Lugo.
Que é a orientacion?
Vieiros fala con Tomás Montes (Lugo, 1979), membro do Clube Fluvial de Lugo, e deportista ben completo, que nos explica, entre outras cousas, de qué vai este deporte.
Vieiros: Como defines ti a orientación?
Tomás Montes: A orientación é un deporte cuxo obxectivo principal é realizar, no menor tiempo posíbel, o percorrido marcado nun plano e sobre o terreo, pasando por varios puntos de control. Hoxendía está en auxe e destaca pola súa mestura entre o cross e os deportes de aventura. En Galiza estamos a loitar polo seu reoñecemento institucional, pero existe unha Liga e un Campionato galegos, ademais dunha selección propia.
A orientación é unha disciplina que naceu na Escandinavia, aló polo século XIX. Dende aquela converteuse en deporte e fóronse consolidando normas e instrumentos comúns a todos os deportistas que a practican. Máis que un deporte físico, é un deporte mental no que tes, basicamente, que atopar o camiño. Hai un mapa que seguir, con varios puntos marcados con balizas. A carreira está delimitada e hai que pasar, en orde, por varios lugares, tocando as balizas. Coa axuda da brúxula, hai que chegar á meta, preferiblemente antes que os máis.
Vieiros: Como comezaches ti neste deporte?
Tomás Montes: Hai catro anos máis ou menos, por un compañeiro co que facía longas etapas en bicicleta. Foi el quen me falou da orientación, e dende aquela, deume por practicala.
Vieiros: Hai en Galiza moita afección a este deporte?
Tomás Montes: Non é aínda un deporte federado, pero existe unha Asociación Galega de Clubes de Orientación, a AGACO, que está a loitar pola súa federación. A asociación de clubes é a que organiza a Liga e o Campionato Galego, e hai categorías a competir dende Elite -onde compito eu- até iniciación, onde corren nenos e nenas de 7 a 9 anos. A orientación está en auxe en Galiza e a propia asociación pretende que siga adiante promovendo o interese por ela entre os mais cativos, xa que se trata dun deporte completo, no que, ademais, se está en permanente contacto coa natureza.
Vieiros: A AGACO encárgase de organizar a Liga e o Campionato, pero, hai máis competicións destacadas no calendario?
Tomás Montes: E a AGACO ademais encárgase tamén de seleccionar os mellores deportistas galegos para competir a nivel estatal. Tamén están loitando por federar o deporte, cousa que conseguiremos dentro dun par de anos, como moito. Pero tamén esta o Sprint, unha modalidade da orientación. Este ano, por segunda vez, celebrouse unha proba de Sprint, é dicir, orientación en medio urbano con probas moi curtas e dinámicas. O ano pasado foi a primera proba da historia da asociación, en Compostela; e este ano celebrouse en Pontevedra -todos os datos da clasificación, sobre estas liñas-.
Vieiros: E a ti cómo se che dá o de orientarte?
Tomás Montes: Pois a miña mellor clasificación acadeina no segundo ano practicando este deporte, coa equipa do Clube Fluvial de Lugo, como subcampión de liga na categoría Sénior B. Actualmente estou na 4ª posición no Campionato Galego de Sprint, na categoría Elite.
Vieiros: E tamén lle das a outros deportes, como o raid, non?
Tomás Montes: Si, fago Raid, un deporte que está moi relacionado coa orientación, pero que está moito máis preto dos deportes de aventura. É moi parecido á orientación; hai que facer un percorrido marcado, pasando por todas as balizas indicadas no mapa. E tamén é moi parecido ao triatlón, xa que se practica, ademais de a pé e a correr, en canoa, en kaiak, facendo rappel, tiro con arco… En cada proba hai, como mínimo, 4 disciplinas diferentes. É un deporte moi completo, fisica e mentalmente, como a orientación.