Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Unha cazolada recibiu o último gaseiro

Logo de racharen o "muro de silencio" os veciños céntranse na acción xudicial contra Reganosa

O Comité prepara unha querela por infracción das normas de seguridade e a reclamación ao Ministerio de Industria para que non autorice a entrada en funcionamento da planta.

Redacción - 11:26 22/06/2007

"Agardamos que as autoridades competentes saian da súa rutina e entendan que somos nós os que estamos do lado da lei e da orde na ría, en defensa da vida e da riqueza natural". Así argumentan unha semana máis desde o Comité Cidadán de Emerxencia, esixindo que a planta de gas se traslade fóra da ría ferrolá.

Os veciños acordaron presentar proximamente unha querela penal contra a empresa por "infracción das normas de seguridade estabelecidas", subliñando que esta inobservancia da legalidade "pode ocasionar resultados catastróficos" e poñen en perigo non só o medio ambiente senón tamén a vida de milleiros de persoas. De xeito paralelo prepárase outra convocatoria de mobilización en Ferrol, que se aproveitará para recoller sinaturas contra a autorización de funcionamento de Reganosa. A solicitude vai dirixida especificamente á delegación na área de industria e enerxía que o goberno español ten na Coruña.

Ao respecto, a asemblea cidadá pon na mesa outra vez o artigo 85 do Real Decreto 1434/2002 de 27 de decembro. Segundo esa norma Reganosa non podería estar funcionando agora mesmo xa que, lembran os veciños nin terminou as obras nin ten autorización e nin sequera cumpre coas esixencias sobre distancias á poboación que estabelece outro decreto anterior. Por riba, recordan que as normas sobre seguridade marítima esixen que en caso de accidente durante a descarga o buque poida saír rapidamente a mar aberto, o que dadas as circunstancias da ría de Ferrol é imposíbel.

Por outra parte, centos de persoas apoiaron este xoves a acción protesta contra a entrada do terceiro buque gaseiro na ría, o "Cádiz Knutsen", cargado con 114 mil metros cúbicos de gas natural licuado. Os veciños renunciaron desta volta a saír nas lanchas e concentráronse nos peiraos de Curuxeiras, onde se bateron cazolos e tambores, camiñando desde os edificios da Autoridade Portuaria até o miradoiro do paseo marítimo.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: