De "inaceptábel" cualificou o líder do BNG en Vigo, Santiago Domínguez, a proposta do PSdeG de Abel Caballero para repartir áreas de goberno.
Abel Caballero quere que o PSdeG controle en Vigo as áreas de Benestar Social, que inclúe Maiores e Asuntos Sociais; Tráfico, Transporte e Seguridade; Educación e Universidade; Cultura, con responsabilidade en Festas; Economía e Facenda; Urbanismo; Emprego e Promoción Económica; Turismo; Muller e Xuventude; ou Servizos Xerais, que inclúe, entre outras responsabilidades, Vías e Obras e Limpeza.
Doutra beira, Caballero ofrécelle ao BNG as áreas de Normalización Lingüística; Patrimonio Histórico; Industria e Comercio; Deporte; Medio Ambiente; Sanidade e Consumo e Participación Cidadá e Xestión Municipal, que inclúe o departamento de Persoal, Rexistro, Estatística ou Arquivo, entre outras materias.
O cabeza de lista do BNG en Vigo, Santiago Domínguez, cualificou de "inaceptábel" a proposta de repartición de áreas que lle trasladou o futuro alcalde, o socialista Abel Caballero, e considerou que a formulación "significa non respectar ao BNG". O Bloque vigués reclama responsabilidades en Cultura; Vivenda; Comercio e Turismo; Benestar Social e Igualdade; Deportes e Xuventude; Emprego; Vías e Obras e Parques e Xardíns. Nos micrófonos da Radio Galega, Domínguez agoirou que "se non muda completamente a situación" non haberá pacto de goberno en Vigo.