O goberno de Caminha quedara apartado da organización do evento musical no ano 2005.
A organización do Festival de Vilar de Mouros, unha das citas musicais máis sobranceiras de Portugal, decidiu cancelar a edición deste ano pola indiferenza da Câmara de Caminha. A empresa Portoeventos e mais a Junta de Freguesia de Vilar de Mouros aprobaron anular os concertos vista a falta de resposta do goberno municipal ás solicitudes que lle fixeron dende decembro de 2006.
A organización recoñece nun comunicado que o festival, a pesar da súa importancia, foi obxecto "dun incomprensíbel alleamento e marxinación" por parte da Câmara Municipal. Tamén lembra que os concertos só van ter unha pausa dun ano e que o festival non foi anual até o ano 1999.
As diferenzas entre Caminha e Vilar de Mouros comezaron no ano 2005, cando a cámara quedou fóra do protocolo de concesión dos festivais até 2010. O ano seguinte, a Câmara de Caminha evitou destacar na súa web a edición conmemorativa dos 35 anos do Festival de Vilar de Mouros, a pesar de o recoñecer como "evento importante do calendário de animação turística e cultural do concelho".
No festival do 2007, que se ía desenvolver do 20 ao 22 de xullo, contábase coa actuación, entre outros, de Brian Wilson, The Queers, The Gift, Marky Ramone e McAllister.